A Pobra do Caramiñal recadará fondos cos que contribuír á defensa dos animais nun festival solidario organizado pola Protectora Moura coa colaboración da Administración local.
O evento celebrarase no 17 de decembro, ás 21.30 horas, no toldo da praza Alcalde Segundo Durán, onde haberá música en directo. Os artistas convidados son Pito de Pikasso, Os Bar Ban Sónicos e La Duendeneta. Haberá tamén tapas, bebidas, sorteos e repartirase material divulgativo das campañas realizadas conxuntamente co Concello para a sensibilización da cidadanía sobre o benestar animal.
A concelleira do Benestar Animal, Estefanía Ramos (Nós Pobra), reitera o apoio da Administración local ao tecido asociativo do municipio e ás iniciativas que presentan. En concreto, para esta cita, cederá mobiliario, o palco e a mesa de son e luces. Tamén enxalza o labor desta protectora coa que se traballa diariamente.
Froito deste empeño, no presente ano acadáronse as 200 adopcións tal e como apunta a tesoureira de Moura, Natalia Brión, quen engade que a acción se focaliza a nivel comarcal, se ben ás veces tamén se colabora con outras entidades do panorama galego cando se require. Así mesmo, traslada o seu agradecemento ás empresas patrocinadoras e ás bandas que ofrecerán os concertos de xeito altruísta.
En representación dos grupos que actuarán, Manel Casal, de Os Bar Ban Sónicos, anima á veciñanza a achegarse ata este festival para apoia-lo esforzo desta protectora.
A entrada é libre ata completa-la cabida. Os donativos do público destinarase para que a protectora poida sufraga-los gastos veterinarios e de alimentación dos animais aos que presta asistencia. Habilítase tamén unha fila 0 para aquelas persoas que non poidan asistir, pero desexen igualmente face-la súa achega.