Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra continúa inmerso en resolve-la situación do Club de Remo Puebla e reitera o seu apoio ao deporte local


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), compareceron en rolda de prensa neste 13 de decembro para dar conta de todo o sucedido coa nave situada na zona portuaria que utiliza o Club de Remo Puebla como ximnasio.

Para contextualizar o actual estado, remontáronse a comezos de setembro do 2020 cando a conselleira do Mar e a presidenta de Portos de Galicia visitaron o peirao comercial. Nesa reunión, o rexedor aproveitou a ocasión para trasladarlle ao ente portuario a necesidade de espazo do club deportivo para o desenvolvemento da súa actividade; apremiante en plena pandemia debido ás medidas que había que cumprir, polo que se valorou a posibilidade de ocupar unha das naves situadas preto do edificio de usos náuticos.

Así, no 8 de outubro dese mesmo ano, o mandatario local tivo coñecemento de que un representante de Portos de Galicia fixera entrega directamente das chaves desa instalación ao Club de Remo Puebla, sen aínda existir solicitude nin autorización formal algunha. Piñeiro apunta que o procedemento a seguir era a presentación da denominada “mostra de interese”, que se efectúa no 22 de outubro, trámite previo á petición da concesión.

Xa a finais de decembro dese mesmo ano, o club recibe a primeira factura emitida polo ente portuario; situación que se repite regularmente sen existir aínda a cesión en precario que, afirma, pode executarse de maneira gratuíta durante un ano, prorrogable outro exercicio, de non existir intereses económicos, requisito que se cumpre. Dado este contexto e que non se facturaba á Administración local a pesar dos escritos entregados con esta demanda, o Concello outorga no 2022 unha subvención nominativa por emerxencia de 15.000 euros á institución deportiva para que poida afronta-los pagos tras recibir no 9 de maio a reclamación de facturas pola ATRIGA por un valor de 13.000 euros aos que hai que suma-los recargos que derivan no importe primeiramente indicado.

Ante isto, o mandatario local fai fincapé en que “nos sorprende que a representación do club que deu a rolda a semana pasada non mencionase este aspecto porque é importantísimo. O Concello non permitiu que o Club de Remo entrase en risco algún de desaparición nin puidese deixar de solicitar subvención por ter débedas coa ATRIGA.”

Tamén traslada que cando se presentou o proxecto de ampliación do edificio de usos náuticos, Portos obriga a solicita-la concesión tamén desa instalación polo que, actualmente, está aberto ese expediente xunto co da nave das inmediacións do peirao e provoca a demora para cumprir con tódalas condicións esixidas pola Deputación da Coruña para a axuda de 300.000 euros para o dito proxecto de remodelación.

“O Concello da Pobra do Caramiñal ocupou durante moitísimos anos unha nave que está ao lado da fábrica de Escurís para gardar alí as carrozas da cabalgata e xusto no 2015, coa nosa chegada ao goberno, reclámannos que as retirásemos de alí cando antes fora gratuíta. Polo tanto, por suposto que Portos de Galicia podía cede-la nave gratuitamente ao Club de Remo e máis xustificándoa nunha situación de emerxencia sanitaria”, incide.

No día 15 terá lugar unha reunión coa presidente do ente portuario en Santiago de Compostela, pero sen esperanzas de que nese encontro se chegue a un acordo e antes de toma-las medidas oportunas.

Rematou a súa intervención reiterando o firme apoio da Administración local ao deporte local e, en consecuencia, o club referido.