― Trenor visitou a unha traballadora por conta propia beneficiaria desta orde de axudas e destacou que estes apoios destinan a esta comarca máis de 234.000 euros
― O programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta nesta edición con case 4,4 millóns de euros, o maior orzamento da súa historia co que a Xunta concedeu en toda Galicia 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021
― Desde 2009 a Xunta leva destinados cerca de 19M€ a esta iniciativa, coa que se concederon preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais e permitiu a creación e consolidación de máis de 2.700 postos de traballo feminino
― Entre as novidades, o programa tivo en conta nesta edición os plans de igualdade para as axudas previstas de conciliación e prioriza ás mulleres vítimas da violencia de xénero, paradas de larga duración, maiores de 45 anos ou menores de 30 ou con discapacidade
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou a oleira, María del Carmen Canedo Pena, unha traballadora por conta propia beneficiaria da orde de axudas do programa Emega de apoio ao emprendemento e ao emprego feminino que apoiará na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a creación de 28 novos postos de traballo cun investimento de máis de 234.000 euros.
A convocatoria deste ano para este programa contou cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros o maior orzamento da súa historia co que a Xunta concedeu en toda Galicia 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021, no que se concederon 234. Con estes apoios autonómicos en Galicia impulsáronse 241 novos proxectos empresariais e creáronse 619 empregos femininos. No ámbito da provincia coruñesa concedéronse 105 axudas e consolidáronse 208 empregos con axudas que ascenden a máis de 1,3 millóns de euros.
O crédito da convocatoria experimentou na anualidade 2022 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras teñen que liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Como novidades este ano, ademais do incremento orzamentario global, tívose en conta os plans de igualdade que teñan vixentes como documentación acreditativa e se elevou a puntuación de pertenza das posibles beneficiarias a algún colectivo prioritario (mulleres con discapacidade, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45 no inicio da actividade laboral, desempregadas de larga duración…), valorándose cada unha destas circunstancias.
A Xunta aposta polo talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega que conta con 26 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.
Desde 2009 a Xunta leva destinados cerca de 19M€ a esta iniciativa, coa que se concederon preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais e permitiu a creación e consolidación de máis de 2.700 postos de traballo feminino