Terá lugar este vindeiro sábado ás 10.30 horas. O acto será unha homenaxe polo grande esforzo e os éxitos acadados polos seus integrantes, que o sitúan entre os máis importantes a nivel nacional
O Concello de Ordes ten organizada de cara ao vindeiro sábado ás 10.30 horas unha recepción oficial a todas e todos os integrantes do Club Luar Taekwondo. Un encontro aberto a toda a veciñanza no que o alcalde de Ordes homenaxeará os seus integrantes e adestradores, e fará un recoñecemento público ao seu esforzo e éxitos acadados. O Club Luar é unha das máximas referencias a nivel galego, estando presente nas principais competicións de ámbito autonómico, nacional e internacional dende o ano 2009.
Entre os asistentes estarán Ainhoa Ramos Manteiga, recentemente campioa de España Júnior; Tania Gándara, campioa galega 2013 sénior absoluto; Álvaro Regueiro, ouro na categoría júnior no campionato internacional disputado en Moaña a pasada fin de semana; Rodrigo Varela ou Sara García, pratas na categoría cadete tamén en Moaña. Tampouco faltará Cristóbal Boudjenane, director e primeiro adestrador, subcampión europeo na categoría máster, subcampión galego 2014 e campión galego 2013.
Calcúlase que en total asistirán preto de 80 deportistas acompañados de familiares e amizades, estando as portas abertas para todos os afeccionados, veciños e veciñas que queiran acudir. Ademais do alcalde e dos membros do goberno local tamén asistirán representantes e concelleiros da corporación.