A alcaldesa da cidade e presidenta da empresa mixta de augas do municipio (Cosma), Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse este mediodía ás instalacións de Cosma para reunirse con alumnado do FP Dual de Ferrolterra que participou nunha xornada formativa. Na convocatoria estiveron tamén presentes, ademais de representantes do citado centro, o responsable técnico da delegación de Aqualia, Alfredo García, o xerente da empresa Cosma, José Manuel Marcote e persoal da empresa Xylem, encargado de impartir a convocatoria.
As instalacións da compañía no polígono de Río do Pozo acolleron esta mañá unha xornada formativa sobre bombas Xylem para instalacións de saneamento. Na mesma participou alumnado do FP Dual de redes e estación de tratamento de augas, que se atopa na súa primeira edición no centro de FP Ferrolterra. A empresa Cosma ten asignadas, tal e como recordou Ferreiro, dúas prazas para realizar prácticas deste ciclo durante seis meses do vindeiro ano e outros seis de 2024.
Antes desta xornada formativa persoal de Cosma ofreceu no FD Dual de Ferrolterra unha clase teórica sobre “Dixitalización na xestión integral da auga”.
Ferreiro deu a benvida ao alumnado e interesouse polo resultado tanto da sesión teórica impartida no centro como da práctica levada a cabo nas instalacións da compañía. Así mesmo, recordou que a empresa Cosma se creou no ano 2002 e destacou o labor que desenvolve na cidade para atender os servizos de abastecemento e saneamento no termo municipal. A alcaldesa e presidenta da compañía ofreceu a máxima colaboración en materia formativa, subliñando o labor que realiza tamén o persoal do FP Dual de Ferrolterra.