Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño e Narón planean enlazar o paseo fluvial coa área recreativa do Muíño de Pedroso


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e a rexedora de Narón, Marián Ferreiro, reuníronse esta mañá para avanzar nun novo proxecto de colaboración entre os dous municipios co que se pretende ampliar o paseo fluvial do Xubia desde Cornide até o Muíño de Pedroso. O novo tramo de senda iría en paralelo ao cauce cubrindo algo máis de 3 quilómetros de distancia e enlazaría co xa existente entre Pedroso e a desembocadura do río, sumando un total de 10 quilómetros de percorrido por un espazo de alto valor natural e paisaxístico. Ferreiro e García, que estiveron acompañados por Manolo Varela (concelleiro de Desenvolvemento local en San Sadurniño) e por Pablo Mauriz (titular de Obras en Narón), emprazáronse para dentro duns días, de cara a inspeccionar o posible trazado e encargar a memoria valorada dos custes do seu acondicionamento.

Segundo explicaba Marián Ferreiro, o encontro mantido esta mañá en San Sadurniño foi “unha toma de contacto” que permita facer realidade a unión dos dous concellos cun sendeiro “para que calquera persoa poida facer unha ruta segura camiñando pola beira do río”. A rexedora explicou que o proxecto comunicaría o paseo fluvial de San Sadurniño coa área recreativa de Pedroso e, desde alí, proseguiría pola ruta até o Muíño de Xuvia. Deste modo, segundo destacou Marián Ferreiro, “no futuro” será posible facer o traxecto San Sadurniño-Narón, duns 10 quilómetros, e proseguir logo polo paseo da ribeira da ría, pasando polo Muíño das Aceñas e rematando no Couto.

Malia non haber calendario establecido, os dous concellos pretenden promover o proxecto “o ano que vén”, dixo Marián Ferreiro, a expensas da solución técnica que se elixa como máis viable por custes e por autorizacións ambientais. Neste sentido, o trazado definirase nos próximos días facendo a pé os arredor de 3 quilómetros que separan o paseo de San Sadurniño do Muíño de Pedroso “para ver as dificultades que pode presentar”, avanza o responsable de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela.

A partir de aí elaborarase unha memoria valorada que en todo caso ha de ter en conta o respecto pola contorna, declarada como Lugar de Interese Comunitario e incluída en Rede Natura 2000. Da memoria sairá un plan de execución axeitado ao espazo, pero, tal e como asegura Varela, “hai un acordo para levar a cabo o proxecto en función dos orzamentos e das axudas que poida haber”.

O concelleiro engade que a conexión do paseo de San Sadurniño co sendeiro de Pedroso -solicitada ademais no proceso veciñal do Orzamento Participativo- contribuirá a poñer en valor toda a zona do Arboreto da Cortiña e o novo espazo da Fraga Máxica. “Esta é unha idea que xa viña desde hai tempo e vendo o que temos agora aquí na Cortiña, un espazo que está tendo un grande atractivo na comarca, o enlace coa área de Pedroso unirá sitios cun potencial moi importante”, apunta Manolo Varela en relación coa dinamización do turismo e o goce do aire libre.

Pola súa banda, Secundino García quixo destacar a posta en valor “dun espazo natural compartido polos dous concellos” e reivindicou a colaboración intermunicipal como a fórmula máis “eficiente e efectiva” de mellorar ou ofrecerlle novos servizos á veciñanza. O alcalde de San Sadurniño lembrou que ambos concellos teñen abertas desde hai tempo vías de cooperación neste sentido, como por exemplo o uso compartido do Punto Limpo, o mantemento da EDAR de Cornide ou o proxecto executado recentemente para conectar as zonas limítrofes de Pedroso ao saneamento de San Sadurniño.