A xunta de goberno do Concello de Riveira procedeu na súa reunión de hoxe á aprobación con carácter provisional dunha actuación consistente na renovación dun tramo de beirarrúas na avenida de Ferrol, principal vía de entrada á cidade de Santa Uxía.
A empresa que obtivo unha mellor clasificación no proceso de licitación resultou ser Construcciones Oñial, S.L.. O importe da obra ascende 25.193,37 euros e o prazo de execución é dun mes.
De cen metros de lonxitude, o tramo no que se centra a actuación presenta na actualidade beirarrúas con pavimento de baldosa hidráulica moi deteriorado. Ademais, non existe rede de pluviais que recolla augas superficiais que circulen pola vía.
Co fin de subsanar estas eivas, proxéctase a pavimentación da beirarrúa mediante lousetas de formigón de distintas cores sobre pavimento de formigón HM-20 de 20 centímetros de espesor.
Así mesmo, instalarase unha rede de pluviais formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro e 95 metros de lonxitude, ademais de colocar 4 arquetas sumidouro e 4 pozos de rexistro e realizar as pertinentes acometidas.