Friday 22 de November de 2024

“Autoestima”, “candorca”, “comadre”, “ecocidio”, “inflación” e “resiliencia”, finalistas na elección da Palabra do Ano 2022


· A votación telemática promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié permanecerá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro

· As voces finalistas son o resultado da fase de suxestións aberta tamén a todo o público a través do Portal das Palabras, un espazo de divulgación da lingua galega que ofrece xogos, vídeos e outros contidos dende un enfoque ameno

Autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación e resiliencia son as voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2022. A fase de recolla de suxestións da iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié concluíu coa escolla destes seis vocábulos, que dun xeito ou doutro conectan con temas de actualidade e preocupación social dos últimos doce meses. Dende hoxe e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan as dúas institucións para a difusión do léxico galego.

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén e colectivamente. Por iso escollermos a Palabra do Ano significa un xeito de resumir os últimos tempos, de sintetizar como os vivimos, para ben ou para mal, ou mesmo unha maneira de redimírmonos do que queremos deixar atrás ou de achegármonos ao que arelamos. Entre outros temas de interese público, neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que medrase a conversa política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece. E arredor dela os medios de comunicación pasaron a falar decotío de conceptos como o da autoestima, a calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, lle xera confianza no que di ou fai. Pero a autoestima, por extensión, é tamén un valor que pode reivindicarse como sociedade, como pobo.

A resiliencia, a “capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, é outra voz que pode asociarse á crecente consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental. Foi xa finalista en 2021, mais neste ano no que comezamos a deixar atrás as consecuencias máis devastadoras da pandemia da covid-19 lémbranos sobre todo a fortaleza demostrada polo pobo ucraíno dende o comezo da guerra a finais do pasado mes de febreiro.

A preocupación polo futuro ambiental do planeta é outra realidade que se manifestou nunha morea de suxestións: dende o sintagma emerxencia climática ao neoloxismo ecocidio, voz esta última que fai referencia ao exterminio deliberado dun ecosistema. Xa fora finalista no 2019 e recunca a proposta dos seguidores e seguidoras do Portal das Palabras nun ano en que, por desgraza, seguiu a acumular moreas de exemplos aos que aplicala.

“Comadre”: unha voz popular para falar de sororidade

A perspectiva de xénero tamén repite presenza nesta final. En 2017 chegou a esta fase violencia de xénero, en 2018 fixérono feminismo e sororidade e en 2019 feminicidio. Nesta ocasión sobresaíu entre as propostas con ollada feminista comadre. Alén de indicar parentesco, o significado recollido no Dicionario da RAG, é tamén frecuente empregar esta palabra para se referir á veciña e á amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres. Hoxe, de feito, esta voz popular reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno s. XXI.

O escenario económico mundial e o seu impacto dende as economías domésticas ás grandes empresas deixa marca nesta final a través do vocábulo inflación, a “situación ou fenómeno que consiste nunha suba xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación”.

Unha serie de acontecementos ben distintos, os cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos a moi pouca distancia da beiramar, e mais os inesperados encontros dalgúns deles con embarcacións de recreo, parecen explicar outra proposta curiosa dos seguidores do Portal das Palabras: candorca. Así se lle chama en galego á Orcinus orca, un animal pertencente á familia dos delfínidos que chega ata os dez metros no caso dos machos. Presenta bico arredondado e aleta dorsal triangular e distínguese sobre todo polas súas cores: negra no dorso e branca no ventre, con manchas tamén brancas na cara e nos costados.

Nove edicións: de “corrupción” a “tanxugueiras”

A Palabra do Ano elixida polas persoas participantes na votación popular darase a coñecer nos últimos días do 2022 a través do Portal das Palabras, a páxina web dende a que a Real Academia Galega ofrecen xogos, vídeos e outros contidos de divulgación do léxico galego, propoñen cada mañá a “Palabra do día” e ofrecen tamén unha fiestra ao Dicionario dixital da Academia que se suma á de academia.gal.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).