Friday 22 de November de 2024

Os cidadáns e as cidadás poderán presentar suxestións e reclamacións ao Concello a través do móbil desde o primeiro trimestre do ano que vén


José Manuel Lage: “O obxectivo é dotar a cidadanía dun novo medio de comunicación co Concello que contribúa a solucionar os seus problemas”

O Goberno de Inés Rey creará antes de que remate o ano un rexistro de contratos

O voceiro municipal do Concello da Coruña, José Manuel Lage, anunciou este xoves, no pleno ordinario do mes de decembro en María Pita, que a ferramenta IRIS para a xestión de suxestións e reclamacións comezará a funcionar no primeiro trimestre do ano 2023. O Goberno de Inés Rey deu conta hoxe do informe anual de Suxestións e Reclamacións (SeR), que se viron reducidas en case 2.500 con respecto a hai cinco anos.

José Manuel Lage sinalou que esta nova ferramenta, á que se poderá acceder desde unha aplicación e desde o navegador web, permitirá mellorar significativamente a comunicación entre os cidadáns e o Concello. “O IRIS servirá para aumentar a comunicación cos cidadás e permitirá dirixir directamente as suxestións e reclamacións aos departamentos correspondentes, evitando trámites que demoraban a resposta”, sinalou o voceiro, que quixo tamén eloxiar o traballo que se realiza desde o servizo de atención do 010, que ata o de agora canalizaba a maior parte das suxerencias e reclamacións presentadas.

O IRIS é unha aplicación que xa está en funcionamento no Concello de Barcelona e da que dispón a administración coruñesa grazas ao convenio asinado polo Goberno de Inés Rey co dito Concello en agosto de 2021. A súa adaptación está na súa última fase de desenvolvemento e permitirá á cidadanía coruñesa “poñerse en contacto co Concello mediante formularios claros e sinxelos”. O novo sistema permitirá o envío de fotografías e documentos, así como o seguimento de cada caso mediante a asignación dun cógido.

“Non é un avance menor, senón unha gran mellora. Seguramente nos vindeiros anos o número total de suxestións e reclamacións aumente grazas á nova ferramenta, mais do que se trata non é de reducilo sen máis, senón de dotar á cidadanía dun novo medio de comunicación co Concello que contribúa a solucionar os seus problemas”, apuntou José Manuel Lage.

Rexistro de contratos

José Manuel Lage deu conta dos datos máis relevantes do informe anual de Suxestións e Reclamacións (SeR). No anterior exercicio, o Concello recibiu 17.747 comunicacións, das que 11.830 cumplían cos obxectivos e as competencias municipais, case 2.500 menos que no 2017.

Ademais, o voceiro municipal anunciou que o Concello da Coruña disporá, por primeira vezna súa historia, dun rexistro de contratos. Esta nova ferramenta estará dispoñible antes de que remate o ano e permitirá consultar “con absoluta transparencia” toda a información relativa á prestación de servizos e de contratos que se asinan na administración municipal.

Bonificación no IBI

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha bonificación do 50 % recollida nas ordenanzas fiscais municipais para o Imposto de Bens Inmobles á compañía Frigrupo Marinas SL. Esta rebaixa aplícase a aqueles bens de características especiais que pertenzan ao grupo de bens de aeroportos e portos comerciais nos que se desenvolvan actividades económicas de especial interese por concorrer circunstancias sociais e de fomento do emprego.

A empresa demandante achegou a documentación que certifica que cumpre con todos os parámetros esixidos na ordenanza para optar a esta bonificación, que suporá unha redución do imposto de 43.507 euros no exercicio do 2023, unha vez superado este trámite plenario.
“Só no actual mandato, o Goberno de Inés Rey aprobou ata 28 bonificacións sumando taxas, impostos e prezos públicos, bonificacións que este Goberno ten aprobadas nun importante exercicio de redistribución das cargas fiscais e que teñen como fin a aplicación dunha política fiscal máis xusta”, indicou José Manuel Lage.