O Nadal é unha época estreitamente ligada a valores como o da xenerosidade e solidariedade. Neste senso, o teatro cine Elma converterase no 18 de decembro en epicentro dun festival de canto, baile e música tradicional a favor da loita contra o cancro que organiza a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, coa colaboración da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).
A cita desenvolverase a partir das 18.30 horas e contará coa participación dos grupos da entidade e Os Caraveiros, ademais da visita do Apalpador.
A entrada é de balde ata completa-la cabida e habilitarase un stand para a recollida de donativos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a través da xunta local da Pobra, para contribuír así á investigación, ademais de axudar na asistencia ás persoas enfermas e familiares.