Saturday 16 de November de 2024

Alternativa pide á Deputación que se implique no problema do Cruz do Sar de Bergondo


Solicita que reclame á Xunta o profesor especializado que falta

Unha moción para discutir no próximo pleno provincial foi presentada por Alternativa dos Veciños atendendo ás demandas da comunidade escolar do Colexio Público Cruz do Sar de Bergondo, un problema inadmisible nunha sociedade avanzada, orgullosa do seu sistema educativo e das súas políticas de integración e igualdade.

Alternativa pide que a Deputación manifeste o seu inquebrantable compromiso coa calidade do ensino público como un motor de igualdade e cohesión social entre a cidadanía da provincia. Ademáis, pide que a institución provincial se dirixa á Xunta de Galicia para que a Consellería de Educación, como institución competente, designe a profesora ou profesor que precisa este colexio bergondés para a correcta prestación do servizo público educativo.

O centro acolle este curso a máis de 350 alumnas e alumnos nas súas aulas, máis non pode enfrontar con garantías as necesidades educativas de máis de 30 destes nenos e nenas con diversidade funcional por mor da denegación dun segundo especialista en Pedagoxía Terapéutica.

A falta un profesor de apoio para o alumnado con necesidades especiais debido ás súas circunstancias de diversidade funcional sobrepasa a categoría de anécdota toda vez que a Xunta négase, sen nengún argumento convincente, a dotar desa praza a un centro que logrou un completo consenso entre toda a comunidade escolar para normalizar o seu cadro de persoal en base ás necesidades obxectivas recollidas nas distintas normativas que regulan o funcionamento dos centros educativos.

Segundo se recolle na moción, carencias docentes como as que presenta o Cruz do Sar afástanos dese ideal de igualdade do alumnado, e do sistema educativo como fórmula para reequilibrar as oportunidades e situacións das persoas que precisan unha atención diferenciada e persoal en función das súas circunstancias físicas ou psíquicas.