Friday 22 de November de 2024

Rueda defende a importancia de colaborar co sector empresarial para afrontar as incertezas económicas e aproveitar ao máximo os fondos europeos


– Apunta a elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial ou o novo CHUAC como exemplos do que se consegue a través destas sinerxias

– Reclama esta colaboración para conseguir que o Goberno central aposte decididamente polo Corredor ferroviario Atlántico

– Incide no preocupante de que o Goberno central só leve convocada a terceira parte dos máis de 33.000 M€ destinados a Pertes

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o ambicioso e innovador tecido empresarial co que conta Galicia e defendeu a importancia da colaboración entre a Administración e este sector para facer fronte ás incertezas económicas actuais e poder tirar o máximo proveito dos fondos europeos.

Durante a súa intervención no pleno da Cámara de Comercio da Coruña, Rueda incidiu en que ante os retos que supón a actual situación económica se debe aproveitar “a oportunidade histórica” que supoñen os fondos europeos. No entanto, tachou de preocupante a actitude do Goberno central con respecto á xestión dos mesmos, xa que lle recriminou que só leve convocado a terceira parte dos máis de 33.000 millóns de euros destinados aos 11 pertes aprobados.

De feito, lamentou que existan proxectos moi relevantes e estratéxicos para Galicia que están aínda á espera de concreción destes fondos. Entre eles, citou as iniciativas de Estrella Galicia para entrar no Perte agroalimentario ou a nova planta de Showa Denko.

Ante esta situación, defendeu que un bo uso dos fondos europeos, as sinerxias entre o público e o privado e o compromiso real das institucións poden supoñer un antes e un despois para toda Galicia, e tamén para a cidade da Coruña.

Proxectos que supoñen “un antes e un despois”
Deste xeito, apuntou a recente elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial como exemplo de decisións que supoñen un punto de inflexión. Así, argumentou que esta designación demostra os froitos que se recollen cando administracións e tecido académico, social e económico traballan xuntos.

Neste antes e despois tamén situou o novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), do que salientou que se trata da obra sanitaria de maior envergadura que a Xunta acometerá nesta lexislatura, con 500 millóns de euros de investimento.

Corredor Atlántico
Nesa Galicia e Coruña do futuro que se está a construír a través da colaboración público – privada, o mandatario galego erixiu como estratéxico o Corredor Atlántico. Precisamente, lembrou que atendendo á demanda que fixeron os propios empresarios, a Xunta solicitou ante Europa que a ampliación do Corredor incluíra a liña A Coruña-Ferrol.

Neste senso, interpretou que os inicios dos traballos da conexión ferroviaria de Punta Langosteira poden chegar a ser un importante primeiro paso para que o Goberno central se decida a apostar por esta rede de transporte, da que lamentou que a día de hoxe continúe sen contar cun Plan director e sen comisionado.

Ante esta falta de concrecións, o presidente da Xunta amosou o compromiso do Goberno galego de seguir facendo presión para que se atenda esta cuestión que considerou de xustiza. E finalizou a súa intervención animando ao resto de institucións e tecido económico a sumarse a esta demanda.