Sete mulleres de Lousame participan estes días nun “Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas”, dúas sesións de adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas mediante técnicas de autodefensa. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, a Federación Galega de Loita, a Academia Galega de Seguridade Pública e o Ministerio de Igualdad.
A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, destacou que “foi unha sesión moi completa. Catro horas durante as que aprendemos comportamentos e técnicas para tratar de evitar unha agresión. E, no caso de que se produza a agresión, como poder reaccionar e saír airosas de agarres e bloqueos. Hoxe fixemos o traballo en pé e para o vindeiro sábado está prevista unha sesión sobre ataques en solo”.
Primeira sesión
A primeira xornada tivo lugar este sábado no ximnasio do CPI Cernadas de Castro. Durante a primeira hora, o monitor da Federación Galega de Loita explicoulles como actuar diante de diversas situacións de violencia, facendo fincapé na importancia de actuar de forma rápida e contundente para conseguir o tempo necesario para fuxir do lugar. Nese sentido, insistiu en que o importante non é vencer ao agresor, senón incapacitalo temporalmente para poder evitar a agresión aproveitando que o agresor considera que ten unha superioridade física que fai que non estea o suficientemente alerta.
Así, explicoulles os puntos inhabilitantes que, unha vez golpeados, non permiten unha reacción inmediata por parte do home. Deixando a un lado a tradicional patada ou golpe nos testículos, os ollos e a zona do pescozo foron dúas das áreas máis traballadas. Así mesmo, presentoulles os distintos sprays de pementa homologados e informoulles sobre onde mercalos e como empregalos. Ademais, explicoulles que chegado o momento dunha agresión, practicamente todos os elementos son susceptibles de seren empregados para evitar unha agresión, dende as chaves ata o propio móbil.
Durante as tres horas seguintes, as alumnas practicaron entre elas distintas técnicas de bloqueo e, sobre todo, de como librarse dos distintos agarres. Dende golpes sinxelos a man aberta, denominados “latiguilllos”, ata “canillazos” (patadas nas canillas) ou como golpear co puño. A anécdota da xornada tivo lugar cando o monitor indicou que o movemento para librar o pulso era o tradicional “dar cera, pulir cera”, en referencia ao filme “Karate Kid”. Porén, a referencia cinematográfica non foi collida por ningunha alumna.
Para a próxima sesión, que terá lugar o sábado 17 de decembro, de 16:00 a 20:00 horas, as alumnas aprenderán técnicas e autodefensa no chan. Este é o terceiro curso gratuíto de defensa persoal para mulleres que organiza o Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, a Federación Galega de Loita, a Academia Galega de Seguridade Pública e o Ministerio de Igualdad.