O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá no Concello xunto con José Alberto del Río, técnico delegado da Federación Galega de Ciclismo, e José Luis Fernández e Samuel Bustabad, vogal e presidente respectivamente do Club Ciclista Narón, a “II BTT Resistencia Cidade de Narón”. O edil naronés destacou o feito de que este evento deportivo, que terá lugar o vindeiro 15 de xaneiro, incluirase por primeira vez na Copa Galicia, formando parte das cinco puntuables que se sucederán en 2023 na comunidade autónoma.
A “II BTT Resistencia Cidade de Narón” levarase a cabo en Pedroso, nun circuíto circular de oito quilómetros con saída e meta na pista polideportiva da citada parroquia. Disputaranse, tal e como indicou José Luis Fernández as categorías de cicloturismo, élite, élite feminino, junior, junior feminino, master 30, 40, 50 e 60, tamén masculino e feminino, parellas masculino e feminino, parellas mix, sub 23 e sub 23 feminino. “É unha disciplina que existe por segundo ano en Galicia a nivel federado e na que o ano pasado participaron de media unhas 300 persoas, polo que estamos moi ilusionados dende a Federación Galega e moi agradecidos polo apoio do Concello de Narón ao ciclismo”, destacou Fernández.
Os representantes do Club Ciclista Narón, que tamén destacaron a aposta da Federación Galega e do Concello como organizador, avanzaron que se trata de realizar un percorrido pola parroquia de Pedroso de tres horas que gañarán aqueles que dean máis voltas nese tempo –unha hora e media nas categorías inferiores-. Así mesmo, avanzaron que os dous campións galegos do pasado ano, de élite e master 40, ambos do club local, participarán nesta convocatoria.
Finalmente, o concelleiro de Deportes agradeceu a implicación da Federación Galega de Ciclismo “por apostar por Narón e incluír este evento no seu calendario”, ao tempo que animou ás persoas interesadas a inscribirse na proba, a partir do vindeiro 21 de decembro a través da web: https://fgalegaciclismo.es.