Saturday 16 de November de 2024

O Centro Deportivo do Castrillón adianta a súa apertura ao público ao 15 de decembro


A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que haberá actividades gratuítas ata o 31 de decembro

Na fase de preinscricións apuntáronse xa 1.961 persoas

O Centro Deportivo do Castrillón abrirá as súas portas ao público este xoves, 15 de decembro. Así foi anunciado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, tras a reunión do consello de EMVSA no que se aprobaron os últimos contratos necesarios para a posta en funcionamento das instalacións municipais.

EMVSA encargarase da xestión de maneira provisional ata que se licite de maneira conxunta coa das instalacións deportivas de San Diego. O seu consello aprobou os contratos deaprovisionamento de maquinaria e de prestación de servizos no Centro Deportivo do Castrillón. A apertura adiántase debido ao bo ritmo da fase de preinscrición, na que xa se apuntaron 1.961 persoas. A partir deste xoves as persoas interesadas poderán visitar as instalacións da man de persoal especializado, que resolverá todo tipo de dúbidas sobre o centro e as solicitudes de alta.

A alcaldesa anunciou, ademais, que o acceso será gratuíto ata o 31 de decembro “para todas as persoas que queiran coñecer as instalacións, probar as actividades deportivas e darse de alta como socias”. O horario de apertura provisional a partir deste xoves será das 10.00 ás 21.00 horas de luns a venres e das 10.00 ás 14.00 horas os sábados. Este horario é provisional e ampliarase unha vez que comecen a funcionar o conxunto das instalacións o 27 de decembro.

“Estas actividades deportivas gratuitas que comezamos a desenvolver este xoves serán unha boa maneira de dar a coñecer as instalacións e de animar a cidadanía a darse de alta”, apuntou a alcaldesa.

O horario das clases dirixidas, que comezarán este sábado 17 de decembro, será de 10.30 a 11.30, de 18.00 a 19.00 e de 19.15 a 20.15 horas de luns a venres e de 10.30 a 12.00 horas os sábados. As actividades que se impartirán serán acondicionamento físico, body combat, GAP ou zumba. Todas son gratuítas ata completar a capacidade.

Un proxecto esencial para o Goberno de Inés Rey

Coa apertura do Centro Deportivo do Castrillón o Goberno de Inés Rey desbloquea o uso dunhas instalacións moi demandadas polos veciños e veciñas do barrio desde hai anos.
Durante este mandato, o Concello investiu case 2 millóns de euros para completar os traballos previos e que este espazo de 3.445 metros cadrados puidese comezar a usarse. “Faremos este ano que sexa unha realidade unha infraestrutura pola que o Castrillón leva moito tempo agardando”, indicou Inés Rey.

En canto ás características do centro, na primeira planta atópanse os controis de acceso e unha zona de agarda. Hai catro vestiarios, dous por xénero e outros dous para equipos que compitan puntualmente nas instalacións. Nesta parte sitúase, ademais, a pista polideportiva, cunha bancada para 100 espectadoras e espectadores. Trátase dunha estrutura divisible en dúas partes mediante cortinas para poder levar a cabo varias actividades de forma simultánea. Atópase tamén, neste primeiro andar, a piscina de catro estaxes e a zona termal, con saunas, diferentes tipos de duchas, hidromasaxe e espazo para dous postos de masaxe.
Completa esta primeira planta unha sala de actividades dirixidas, divisible en dúas partes mediante paneis móbiles.

No segundo andar é onde está localizada a sala de fitness, que contará cunha zona cardiovascular e de musculación. Tamén haberá outra sala de actividades dirixidas, divisible en tres partes.