A sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, ás 20 horas, o XX Festival de Panxoliñas no que tomarán parte as cinco formacións locais que interpretarán os clásicos tradicionais destas datas. No encontro musical, o primeiro que se celebra tralo inicio da pandemia, participarán a Coral Polifónica O Pote de Maniños, a rondalla Perla del Río, a rondalla Estrelecer, o Tradicoro e, como anfitrioa, a coral Polifónica Agarimo de Sillobre.
Cada unha delas interpretará tres panxoliñas, entre as que se poderán escoitar pezas tan coñecidas como “Noite de paz”, “Bicos e paz”, “Meu pequeno” ou “Mariñeiro”, e así ata xuntaren un repertorio de 15 clásicos en galego e castelán.
O evento é con entrada gratuíta e está promovido pola Concellaría de Cultura como xeito de poñer en valor a longa tradición que existe en Fene arredor da música coral. Da organización encárgase a SCRD Agarimo, que lle toma o relevo á Sociedade O Pote, anfitrioa en 2019 deste festival que cada ano se celebra na sede dunha formación do municipio.