Saturday 16 de November de 2024

Moita actividade cultural durante o Nadal… pero tamén deportiva


Hai uns días, a Concellaría de Cultura do Concello de Fene publicou o amplo programa que vai desenvolver até a chegada dos Reis Magos de Oriente. Porén, a Concellaría de Deportes tamén concentra nestas datas un bo número de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. O ciclo de Nadal botará a andar a vindeira fin de semana coa Gala de Nadal – Exhibición de ximnasia artística do Club Ximnasia Ferrolterra, o sábado 17 de decembro ás 17 horas no pavillón da Xunqueira, e cunha segunda gala de Nadal -Exhibición de patinaxe artística do CPA Inercia, o domingo 18 a partir das 12.00 horas na mesma instalación deportiva. Námbolos dous casos, a entrada será libre e de balde aínda que se convida aos/ás asistentes a colaborar na recollida de alimentos non perecedoiros que promoven as entidades organizadoras.

Tamén durante a vindeira fin de semana, a piscina municipal de Centieiras acollerá o bautismo de mergullo solidario “Ningún neno/a sen xoguete”, para persoas maiores de 8 anos. Será o sábado 17 de decembro, de 17.45 a 20.00 horas, con inscrición de balde, sempre e cando se faga a doazón dun xoguete novo ou usado en bo estado. Inscricións até as 18.00 horas do venres 16 de decembro no correo daviddeibe@casnautilus.org. Esta actividade encádrase na campaña impulsada pola Federación Española de Actividades Subacuáticas que, en Galicia, están a desenvolver a Federación Galega e o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus de Fene.

Outra das propostas da Concellería de Deportes para este Nadal pasa polo evento de danzas urbanas e hip-hop “No limits urban camp”, que se desenvolverá do 27 ao 29 de decembro no pavillón da Xunqueira. Trátase dun encontro que permitirá asistir como público ás clases de danzas urbanas e hiphop, impartidas por profesorado de ámbito estatal e internacional. Entrada libre e de balde.

Ademais, do 23 de decembro ao 5 de xaneiro, a Piscina Municipal de Centieiras terá dúas rúas reservadas para participar nos “Xogos acuáticos en familia”, pagando só os 3,25 euros da entrada
dunha persoa adulta (se se ten bono é de balde). A rapazada deberá estar acompañada por unha
persoa maior de idade e admítense por persoa adulta ata dúas nenas ou nenos se se trata de irmáns.
A actividade desenvolverase de 11:15 a 13:30h e recoméndase reservar rúa no 981 344 341 ou no 607
627 103.
As actividades organizadas pola Concellaría de Deportes incluirán tamén, do 2 ao 5 de xaneiro, o
programa de conciliación e deporte Campa Nadal -tamén no pavillón da Xunqueira-, que ofrece 20 prazas para cativada de 4 a 11 anos (feitos a día 31 de decembro de 2022). O custe da actividade ascende a 15,70€. Entre as 10.00 e as 13:30h, nas datas sinaladas farán actividades variadas por grupos de idade: xogos, manualidades, multideportes, baile, música, contacontos, etc.

O Campa Nadal coincidirá no mesmo espazo e nos mesmos días, do 2 ao 5 de xaneiro, coas sesións de Patinaxe para persoas adultas e rapazada maior de 5 anos. Hai dúas quendas con 24 prazas en cada unha, a primeira de 11:00 a 12:00h e a segunda de 12:00 a 13:00h, distribuídas á súa vez en tres grupos desde iniciación ata técnicas avanzadas dependendo das idades e do nivel de coñecementos previos que se teñan. O prezo destes obradoiros son 6,25€.

O período de inscrición no Campa Nadal e nas sesións de patinaxe permanecerá aberto do 19 ao 23 de decembro no propio pavillón en horario de 9:30 a 13:30h. Máis información nos teléfonos 981 492 804 e 981 340 366.