A alcaldesa presidiu o acto, que contou cunha actuación musical
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá o acendido das luces de Nadal do Mercado Municipal de Elviña, promovido pola asociación de placeiros e placeiras. A rexedora estivo acompañada polo seu presidente, Leo Tomé, e pola concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Cabanas.
“O traballo que se leva a cabo desde mercados como este é constante e dun gran nivel. Temos que poñer en valor o seu labor diario e dicirlle á xente que hai que mercar local e facelo no mercado”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa lembrou que o Concello impulsa a través da súa programación de Nadal uns obradoiros para a mocidade para concienciar a nenos e nenas da gran importancia do consumo de produto fresco e dos mercados.
Rey lembrou a importancia de fomentar o comercio local e a necesidade de facelo en campañas como esta de Nadal. “Este ano instalamos máis de tres millóns de puntos de luz led, despregados por toda a cidade. Porque o noso desexo é que o Nadal se viva con igual intensidade en todos os distritos da cidade. A Coruña é o que é pola identidade particular de cada un dos seus barrios, tamén pola vida que dá ás nosas rúas o pequeno e mediano comercio local, que é, en realidade, o que aporta a verdadeira luz á cidade”, dixo.