Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “O novo rocódromo municipal pon á Coruña á vangarda da escalada en Galicia”


A alcaldesa presidiu a primeira xornada de funcionamento desta instalación que permitirá acoller competicións nacionais das tres modalidades olímpicas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a primeira xornada de actividade do novo rocódromo municipal, nas instalacións do Frontón de Riazor.

A rexedora asistiu ao inicio do Campionato Galego de Escalada Combinada, que se celebra esta fin de semana na cidade.

Grazas a esta remodelación, o rocódromo poderá optar á acollida de competicións oficiais de tres modalidades de escalada deportiva olímpica. Neste sentido, as persoas usuarias poderán practicar ou competir nas modalidades de velocidade, na que dous escaladores compiten por subir máis rápido nunha parede de 15 metros de altura; boulder ou escalada en bloque, na que os deportistas escalan en catro minutos tantas vías fixas como podan nunha parede de 4,5 metros de altura; e, por último, a modalidade de lead ou dificultade, na que as e os escaladores intentan chegar ao máis alto nunha parede de 15 metros de altura con seis minutos de tempo.

Os traballos, que contaron cun orzamento de máis de 250.000 euros, posibilitaron que estas instalacións conten cunha maior variedade de percorridos para os deportistas desta disciplina. “Este novo rocódromo municipal pon á Coruña á vangarda da escalada en Galicia”, afirma a alcaldesa. Rey coñeceu de primeira man as características destas instalacións e asistiu a unha exhibición de escalada previa ao Campionato Galego.

“Continuamos, deste xeito, investindo en infraestruturas que podan acoller grandes eventos.
A Coruña é unha cidade que está medrando e o deporte e a práctica deportiva teñen un gran potencial para nós”, dixo a rexedora, que estivo acompañada pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez.