Saturday 16 de November de 2024

Recheos sen licenza na Rúa Pablo Picasso


– A autorización de Augas de Galiza, actualmente en trámite, é previa á concesión de calquera licenza de obra.

– Trátase da parcela da rúa Pablo Picasso na que xa houbo recheos hai meses e constátase agora o que dicía o BNG que eran sen licenza.

– O recheo efectuado provoca, nos días de chuvia, escorrentías de lama que rematan na Ría do Burgo.

– O BNG de Culleredo xa preguntou en varias ocasións polas obras efectuadas e visitou o solar coa deputada Mercedes Queixas e representantes de asociacións naturalistas.

O día 1 de decembro publicouse no Boletín Oficial da Provincia o anuncio de Augas de Galiza da solicitude de autorización para efectuar recheos e obras na parcela da rúa Pablo Picasso.

A concesión desta autorización debe ser previa á concesión da licenza de obras e, por suposto, á realización dos recheos e das obras. Constátase, á vista da publicación no BOP, que os recheos efectuados até o momento carecían de licenza.

Na parcela xa se efectuaron recheos polos que preguntamos en varias ocasións ao Alcalde no Pleno Municipal. A primeira vez, no mes de Xuño, o Sr. Rioboo contestou que o que se estaba a realizar era unha “limpeza subsidiaria dunha parcela forestal” e que non tiña coñecemento de ninguna licenza para obras nesa parcela.

O BNG, que ten recibido numerosas queixas veciñais polas obras efectuadas, e que xa realizou unha visita ao solar coa deputada Mercedes Queixas e representantes de asociacións naturalistas, esixe do Goberno Municipal que se aclare a legalizade das obras realizadas nesa parcela.

Tono Chouciño, voceiro nacionalista, manifesta a súa preocupación polas escorrentías de lama que, en días de chuvia, se orixinan no solar e van rematar na Ría do Burgo, “indo na dirección contraria ao saneamento da Ría mediante a dragaxe”.