• O acendido de luces de Nadal terá lugar este domingo a partir das 18:00 horas, iluminándose as árbores de cada parroquia de xeito progresivo
• Este ano tamén se celebrará o III certame de escaparates de Nadal nos comercios locais
O Concello de Laxe xa conta coa súa programación de Nadal conformada por un abano de actividades para todos os gustos e público.
A primeira das actividades levarase a cabo este sábado 10 co espectáculo ‘Maxia de aquí e de acolá’ de David Méndez. Será no Salón de Actos da biblioteca municipal ás 19:00 horas.
Ao día seguinte, domingo 11, terá lugar o acendido das luces de Nadal en todas as parroquias. O punto de partida será o parque infantil de Coéns e, posteriormente, iranse alumeando as árbores de Aprazadoiro, Matío, Boaño, Traba, Mórdomo, A Torre, Soesto, Serantes e Laxe. Na propia vila mariñeira a iluminación está prevista para as 19:30 horas. O evento, neste último punto, contará con fogos de artificio e chocolate con churros de balde.
A próxima fin de semana contará con actividades máis culturais e de ocio. En concreto, o sábado 17 será unha xornada de teatro familiar coa obra ‘Ás para Álex’ de Baobab Teatro. Será no Salón de Actos da biblioteca ás 19:00 horas. O domingo 18 haberá baile social desde as 18:00 horas no local social de Traba.
O martes 21 e o mércores 22 Papá Noel e os Reis Magos visitarán ao alumnado do CPI e das Escolas Unitarias.
Esta programación tamén conta cun festival de panxoliñas que se celebrará o venres 23, ás 20:00 horas, na igrexa de Santa María da Atalia. Participarán membros da escola municipal de música, asociacións e particulares da localidade.
Por outra banda, desde o Concello tamén se organizou o campamento ‘Nadalaxe’, dirixido á rapazada de 6 a 12 anos. Desenvolverase do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro no pavillón polideportivo en horario de 10:00 a 13:00 horas. As prazas son limitadas e as inscricións poderán formalizarse desde o próximo luns 12.
Como colofón, o 5 de xaneiro celebrarase a cabalgata de Reis desde as 15:00 horas. Esta percorrerá todas as parroquias e, a súa chegada ao pavillón polideportivo de Laxe, haberá fogos de artificio. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar de inchables, animación, karaoke, obradoiros, rosca e chocolate de balde.
III CERTAME DE ESCAPARATES DE NADAL
Do 19 de decembro ao 9 de xaneiro desenvolverase a terceira edición do concurso de escaparates de Nadal destinado aos comercios locais. As bases poderán consultarse na web municipal.
Desde o Concello agardan que tanto a veciñanza como as persoas visitantes ‘gocen dunha programación pensada para todos os públicos e para desfrutar destas datas tan sinaladas”.