Todos aqueles veciños e veciñas que decoren con motivos de Nadal as fachadas, balcóns e xardíns das súas vivendas, poderán optar a un dos catro premios do I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal, convocado polo Concello. Esta iniciativa súmase á tradicional competición de escaparatismo de Nadal coa que se pretende atraer a atención da clientela para aumentar así o consumo nas ventas durante este período vacacional. O alcalde tamén deu conta esta mañá das últimas cifras da campaña dos Bonos Corazón Compostela, que acada a día de hoxe os 2.430.301 euros consumidos.
Na rolda de prensa desta mañá, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo adiantou a aprobación na sesión extradordinaria da Xunta de Goberno de hoxe das bases do “Concurso de Decoración de Nadal Veciñal” e do “Concurso de Escaparates de Nadal”. Trátase de dúas iniciativas impulsadas polo departamento de Comercio e a concellaría de Relacións Veciñais coas que se buscan recoñecer e premiar económicamente o esforzo decorativo tanto da veciñanza a nivel individual coma do comercio pola súa contribución á imaxe da cidade como punto de atracción para veciñanza e visitantes, así como para incentivar o consumo.
No que se refire ao concurso de escaparatismo, o rexidor explicou que “se destinará un importe total de 6.950 euros que serán repartidos da seguinte maneira: 2.000 € para o primeiro establecemento clasificado; 1.500 euros para o segundo, 1.200 € para o terceiro, 1.000 euros para o cuarto, 750 euros para a quinta posición e 500 euros para o sexta posición. “O importe total máximo para o concurso de decoración das vivendas será de 2.000 euros, repartido en catro premios de 500 euros cada un”, engadiu Sánchez Bugallo.
O prazo de presentación de solicitudes para ambos os dous concursos comezará ao día seguinte da publicación desta convocatoria no BOP e rematará o día 19 de decembro de 2022. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.
Nos dous concursos, a proposta ornamental deberá estar exposta dende o vindeiro 22 de decembro ata o día 6 de xaneiro de 2023. De cara á decisión final, os concursantes terán que enviar, antes do 25 de decembro, dúas fotos do escarapate adornado ao mail comercio@santiagodecompostela.gal ou da decoración realizada a relacionsvecinais@santiagodecompostela.gal.
O escaparate gañador será elixido por un xurado, presidido polo propio alcalde e composto por cinco membros vogais, que fará unha valoración das propostas presentadas polos establecementos en función da súa capacidade de atracción, orixinalidade e composición, o emprego dos propios produtos e da súa sustentabilidade.
No caso da decoración das vivendas, valorarase a creatividade dos concursantes en base aos criterios de composición e deseño, a orixinalidade e a elaboración propia. Tamén se terá en conta a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo. O propio alcalde anunciou que na tarde de hoxe achegarase ao Castiñeiriño para visitar algunha das propostas de decoración creadas pola veciñanza do barrio.
Campaña Bonos Corazón Compostela
Na mesma liña de apoio ao comercio local, o alcalde compartiu os últimos datos da campaña dos Bonos Corazón Compostela. Do importe total de 3.125.000 euros que xa foi adquirido polos usuarios a través da descarga de 44.154 bonos, o rexedor anunciou que “a día de hoxe xa foron consumidos 2.430.301 euros, un incremento moi notable que se concentrou no luns e mércores desta semana, xa que os demais días foron festivos”.
Todas aquelas persoas que adquiriron os seus bonos, terán aínda ata o 31 de decembro para gastar os preto de 700.000 euros que restan, logo de que en Xunta de Goberno se aprobara unha ampliación do prazo para usar estes bonos aos que hai adheridos case 500 comercios e 84 establecementos de hostalaría.
A finalidade do programa de “Bonos Corazón Compostela” é doble. Por unha banda incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo no comercio e hostalería de Santiago. E por outra, impulsar e fortalecer o sector comercial retallista e hostaleiro do municipio; dinamizar a actividade económica promovendo as compras de bens e servizos; e reducir o impacto económico da crise que afecta ao sector.