Saturday 16 de November de 2024

O Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón impulsan un ano máis a “Campaña Nadal comercio de Narón”


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, presentaron esta mañá xunto con María Yáñez, vogal da Asociación de Comerciantes de Narón, a “Campaña Nadal comercio de Narón”. Un ano máis o Concello organiza esta iniciativa coa ACN para sortear catro cestas con produtos de Nadal, catro noites de hotel cunha noite de aloxamento, almorzo e circuíto de spa para dúas persoas, dous vales de 600 euros cada un e outros dous de 400 euros cada un. “A través desta campaña queremos poñer en valor unha vez máis o gran potencial comercial da nosa cidade, cun sector moi profesionalizado que ofrece unha gran variedade de produtos de calidade e cun trato persoalizado coa clientela”, destacou Ferreiro.
Os comercios poden participar voluntariamente e de balde, debendo únicamente cumprir como requisitos os de ter localización física no termo municipal de Narón, colocar o cartaz da campaña nun lugar visible e cumprir as bases da convocatoria, que se poden consultar na web: www.comerciodenaron.com. As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico á dirección: me.mendez@naron.es donde contactarán coas persoas interesadas para realizar os trámites de adhesión.
Ata o 31 deste mes nos establecementos comerciais adheridos entregarán e selarán papeletas de participación á clientela polas súas compras, establecendo nos propios locais o importe mínimo de compra para entregalas. Para poder participar nos sorteos como clientes é preciso que a papeleta teña os datos completos do participante e o selo de dous establecementos participantes na campaña. Cada semana elixirase por sorteo público un comercio ao que se desprazará persoal da organización para sortear unha cesta e outro no que se sorteará unha estancia nun hotel con spa. Os premios comunicaranse telefónicamente aos gañadores ou gañadoras e o acto de entrega dos mesmos terá lugar no Concello, en datas que se informarán previamente.
Así mesmo, do 17 ao 30 de decembro –agás os días 24 e 25- estará de novo operativo o Navitren durante oito horas ao día. Polas mañás realizará un percorrido entre o Concello e Xuvia e polas tardes dende o Concello ata A Gándara. Os tickets do Navitren entregaranse nos comercios da Asociación de Comerciantes de Narón e tamén se poden adquirir nunha caseta que se instalará nas inmediacións da estrada de Castela, á altura do Concello, dende donde sairá o Navitren ás horas en punto. Un elfo e un contacontos viaxarán tamén nel para amenizar o percorrido ás nenas e nenos.
Dende o Concello, tal e como apuntou o edil de Promoción Económica, entregouse tamén aos establecementos adheridos á campaña papel para envolver os agasallos cun deseño promocional do comercio de Narón.