Saturday 16 de November de 2024

A Xunta valora que o Ministerio poña sobre a mesa a posibilidade de crear novos xulgados en 2016


Alfonso Rueda participou na Conferencia Sectorial de Xustiza, xunto ao ministro e o resto de responsables autonómicos en materia xudicial

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde valorou positivamente que o Ministerio poña na mesa a creación de novos Xulgados na nosa comunidade no 2016.

Rueda e o resto de responsables de xustiza autonómicos reuníronse esta tarde co ministro Rafael Catalá, nun encontro no que todos saudaron a decisión do Ministerio, que por primeira vez en anos ofreceu ás Comunidades a posibilidade de crear novos xulgados. O ministro pediu que se cren xulgados “convencionais”, xa que o ano pasado se crearon prazas de maxistrados e de xuíces de adscrición territorial e xulgados como tal non se poñen en marcha desde o ano 2010.

Rueda explicou que agora se trasladará a dispoñibilidade destas novas unidades á Comisión Mixta, onde se reúnen a Xunta e o TSXG. Alí, ambas institucións decidirán de forma consensuada onde se situarán estes novos xulgados, tendo en conta en todo caso criterios obxectivos de pendencia e carga de traballo. A proposta do Ministerio é que Galicia poida contar con dúas ou tres novas unidades xudiciais para o ano que vén.

A pesares de que hai 5 anos que non se crean novos xulgados, a planta xudicial galega non se mantivo invariable e desde o ano pasado están funcionando cinco novas prazas de maxistrado e sete de xuíces de adscrición territorial.

Novas competencias do Imelga
Na reunión abordouse tamén que os médicos pertencentes ao Instituto de Medicina Legal de
Galicia, no caso de peritaxe de accidentes, poidan emitir ditame previo e evitar así a xudicialización dos accidentes de trafico que requiran peritaxe.

Os peritos poderán emitir un ditame previo e así poder chegar a un acordo antes de ir ao xulgado, polo que tamén se descargará traballo nos xulgados galegos, o que redundará en beneficio dos cidadáns cunha maior axilización na Xustiza.

Papel 0
Segundo explicou o vicepresidente ao salir do encontro, a partir do 1 de xaneiro todas as comunicacións electrónicas en todas as Administracións de Xustiza serán obrigatorias, polo que todos os profesionais e órganos xudiciais deberán usar os sistemas telemáticos existentes na Administración de xustiza para a presentación de escritos e documentos e a realización de actos de comunicación.

A nosa comunidade está a traballar no establecemento dos medios necesarios para que isto sexa unha realidade, e de feito, nos órganos xudiciais galegos tense presentadas de xeito telemático máis de 20.000 demandas e máis de 160.000 escritos desde que Galicia comezara o despregue deste proxecto o pasado mes de decembro, iniciativa que se está a estender paulatinamente a todos os xulgados e tribunais da nosa Comunidade Autónoma.