Saturday 16 de November de 2024

O Ciclo Principal de Primavera levará 14 obras ao teatro Rosalía de Castro, con figuras como Eduard Fernández e Miguel Ángel Solá


A renovación de abonos poderá realizarse do 12 de decembro ao 2 de xaneiro e os novos abonos poderán solicitarse o 4 e 5 de xaneiro

A programación teatral do ciclo reforza o papel da Coruña como referente cultural

O ciclo abrirase o 27 e 28 de xaneiro coa obra “La Voluntad de creer”, unha das máis exitosas do 2022, baixo a dirección de Pablo Messiez

Un total de catorce obras conforman o Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro, cunha programación moi variada e de moi alta calidade onde destaca a presenza de actores como Eduard Fernández, Miguel Ángel Solá, Carlos Blanco ou Natalia Verbeke, ademais de directores como Pablo Messiez, Lluis Homar e Claudio Tolcachir.

A renovación de abonos poderá realizarse do 12 de decembro ao 2 de xaneiro, mentres que o período para solicitar un novo abono será o 4 e 5 de xaneiro. A venda de entradas para cada función comezará a partir do 10 de xaneiro

O ciclo abrirase o 27 e 28 de xaneiro coa obra “La voluntad de creer”, unha das máis exitosas do 2022, baixo a dirección de Pablo Messiez. Entre as citas destacadas figura a representación de “La infamia”, o 3 e 4 de febrero, un excelente testemuño do caso de acoso e persecución da xornalista mexicana Lydia Cacho, ademais da estrea o 3 de marzo dunha obra de Henrik Ibsen, “Unha inimiga do pobo”, da man da compañía galega Talía Teatro.

Tamén cómpre destacar que despois de moito tempo A Coruña poderá contar coa presenza do prestixio actor Miguel Ángel Solá, o 24 e 25 de febreiro con “Doble o nada”; e de Eduard Fernández, que o 17 e 18 de marzo interpretará en solitario “Todas as cancións de amor”.

O Ciclo Principal permitirá contar ademais cunha gran relación de directores, entre os que se poden citar a Claudio Tolcachir, que na obra “Tercero cuerpo” terá a un elenco de actores e actrices nos que figura Natalia Verbeke e Carlos Blanco; Lluis Homar, que o 9 e 10 de xuño pechará o ciclo coa obra “La discreta enamorada” de Lope de Vega; Andrés Lima, Quico Cadaval, Tito Asorey e Pablo Messiez, entre outros.

Haberá ademais unha programación especial co motivo da celebración do 8M, Día da Muller Traballadora, coa representación de “Christiane. Un bio-musical científico”, con texto e dirección da arxentina Belén Pasqualini.

A programación teatral enmárcase na estratexia posta en práctica polo Goberno de Inés Rey para consolidar a cidade como un referente cultural no ámbito nacional, tamén no ámbito das artes escénicas.

Das catorce obras, dez serán de funcións dobres e catro serán simples, cunha gran variedade que permitirá contar con propostas clásicas e contemporáneas, a existencia de comedia e drama, así como claros posicionamentos contra o acoso ás mulleres.

A programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro conta coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais, que promove xunto co Concello as obras “Doble o nada”, “O porco de pé”, “Alma de tigre” e “Unha inimiga do pobo”.