— O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega do galardón do concurso ‘Inventa en galego’ ao instituto IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)
— Os institutos Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), Carlos Casares (Vigo), o de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez (Friol) resultaron gañadores no certame ‘Novos Poliedros’
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Pazo de San Roque no acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado no acto de entrega por Manuel Díaz, responsable de IGACIENCIA, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados, destacou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “fomenta a creatividade en lingua galega en todos os ámbitos, porque a creatividade non se necesita só para facetas artísticas coas que adoitamos asociala, como a literatura ou a música, senón que é imprescindible no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
Promoción da ciencia en lingua galega
No certame Novos Poliedros, que vai pola súa segunda edición, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo.
Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da Simetría Científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolles a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.
Doutra banda, o certame Inventa en galego propón aos centros de ensino que elaboren unha app Android na linguaxe de programación app Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan. O gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña, polos seus proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos. Neste caso, o centro galardoado recibiu un premio de 300€, así como un lote de libros para o alumnado participante.