Saturday 16 de November de 2024

Feijóo subliña a importancia de “afondar na coordinación” coa Deputación da Coruña orientada á “vertebración da provincia” e ao “impacto que supón para os concellos pequenos”


Incide na importancia da colaboración entre Xunta e Deputación para “ser máis útiles nos principais problemas dos cidadáns”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu na importancia de “afondar na coordinación” coa Deputación da Coruña nunha dobre vía que incida na “vertebración da provincia e no impacto que supón para os concellos pequenos”. Así o fixo na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na que ambos mandatarios debateron os asuntos que abordar conxuntamente para que, a través das “capacidades orzamentarias da Deputación sumadas aos investimentos da Xunta na provincia, poidamos ser máis útiles nos principais problemas dos cidadáns”.

O xefe do Executivo galego fixou as prioridades da colaboración entre Xunta e Deputación nos ámbitos das políticas activas de emprego e da política social. Neste eido recalcou, ao igual que o fixo nas reunións mantidas cos alcaldes das sete cidades galegas, na participación das distintas administracións no Plan de Loita contra a Desigualdade. Segundo Feijóo, o presidente da Deputación “amosou o seu interese en coñecer o alcance do plan e de poder compartir presupostos e recursos”.

Tras o encontro que tivo lugar en San Caetano, o presidente do Goberno galego lembrou a sinatura do protocolo de colaboración entre Xunta e Deputacións en xuño de 2012 que ten como obxecto afondar na cooperación, na unidade e na coordinación entre as administracións. Neste senso, Feijóo anunciou que nas próximas semanas convocarase unha xuntanza cos presidentes das Deputacións para realizar a Comisión de Seguimento que determine as posibilidades de “intensificar, reorientar e mellorar o contido de alcance dos acordos asinados”.

Novas tecnoloxías, turismo e educación
O presidente da Xunta enumerou na súa intervención outros eidos de colaboración nos que matinou co presidente da Deputación da Coruña, entre os que destacou a relevancia das novas tecnoloxías. “Podemos e debemos ter unha administración única en Galicia” porque “a tecnoloxía nos permite estar unidos 24 horas 365 días ao ano”, comentou. Ao fío desta idea salientou a importancia da plataforma de interoperabilidade PASAXE! que procura a accesibilidade das administracións locais aos datos e aos documentos que operan en poder da Xunta de Galicia, e viceversa.

Tocante ao Turismo, Feijóo trasladou ao presidente da Deputación a invitación a adherirse ao Plan Director do Camiño de Santiago e apuntou a necesidade de coidar os tramos dos Camiños, así como as estradas provinciais e as sendas peonís polas que discorren as rutas xacobeas. Deste xeito, dixo o presidente, “estaremos facendo máis investimentos en turismo e sendo máis útiles para os Camiños de Santiago”.

No terreo educativo, ambos os dous mandatarios afondaron na colaboración das políticas e das infraestruturas educativas e acordaron estudar unha fórmula para coordinar os colexios de titularidade da Deputación e integrar os currículos formativos.