O importe total das subvencións concedidas nesta convocatoria ascendeu a 105.800 € e beneficiáronse un total de 30 sociedades
O Concello de Fene ten entre as súas prioridades políticas fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos. Dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias constitúe un dos piares da actuación municipal.
Coa aprobación das bases que rexeron esta convocatoria, publicadas no BOP do 11.10.2022, establecéronse os criterios e o procedemento para canalizar o citado apoio mediante a concesión de subvencións municipais destinadas a prestar servizos e realizar as actividades que complementen ou
suplan aos atribuídos á competencia municipal ou que, en xeral, contribúan ao fomento dos intereses
xerais ou sectoriais da veciñanza de Fene, subvencións que se outorgan en base aos principios de
obxectividade, concorrencia e publicidade.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes e emitido pola Comisión Avaliadora o preceptivo
informe-proposta, a Xunta de Goberno Local, en xuntanza que tivo lugar o pasado mércores día 7,
aprobou a concesión de subvencións ás 30 entidades que se acolleron a esta convocatoria.
Consonte aos criterios de baremación establecidos nas Bases, os 105.800 € consignados distribuíronse do seguinte xeito:
• 6.000 €, entre as 6 Asociacións de Pais e Nais.
• 44.800 €, entre as 12 entidades culturais e veciñais.
• 55.000 €, entre as 12 entidades deportivas solicitantes.
As sociedades beneficiarias destas subvencións teñen de prazo até as 14:00 h do día 16 de decembro para achegar, a través da sede electrónica municipal, a documentación xustificativa do cumprimento do obxecto da subvención.