Friday 22 de November de 2024

Nava Castro destaca o papel da investigación, comunicación e divulgación da cultura xacobea no Plan Director do Camiño


A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá na presentación do libro do CSIC ‘Women and Pilgrimage in Medieval Galicia’

Turismo de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), presentaron esta mañá o carto volume da serie Compostela International Studies in Pilgrimage History and Culture: ‘Women and Pilgrimage in Medieval Galicia’.

A obra céntrase, por unha banda, no estudo do papel das mulleres no fenómeno das peregrinacións e, doutra banda, na análise de Galicia como terra de peregrinación de peregrinas na Idade Media, entre os séculos IV e XV, presentando especial atención ao caso de Santiago de Compostela.

Nas súas páxinas constátase como as mulleres procedentes de diferentes territorios e estratos sociais convertéronse en peregrinas, afastándose das súas comunidades de orixe en dirección aos santuarios cristiáns máis importantes, especialmente a Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

O libro divídese en 10 capítulos escritos por especialistas de recoñecida traxectoria no ámbito académico europeo, tanto na historia das peregrinacións, como na historia social das mulleres.

No acto de presentación, que tivo lugar en Santiago de Compostela, interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara, e o director da colección, Antón M. Pazos.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de promover e potenciar a investigación e o afondamento nas raíces do Camiño de Santiago xa que, segundo afirmou, repercute na conservación e na posta en valor da ruta de peregrinación.

Así mesmo, Nava Castro destacou o traballo que fan os centos de Asociacións de Amigos do Camiño e os numerosos estudosos e investigadores que, repartidos por todo o mundo, contribúen a manter vivo o legado xacobeo.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o Camiño de Santiago é un fenómeno vivo e en pleno auxe destacando que no que vai de ano Compostela recibiu a máis de 235.000 peregrinos, o que supón un incremento de máis do 10% en relación ao mesmo período de 2014.

Plan Director e Estratéxico do Camiño
Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ao Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, recentemente aprobado polo Consello da Xunta.

A directora de Turismo de Galicia explicou que o dito plan dedica unha das súas oito liñas estratéxicas á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da Cultura Xacobea.

Deste xeito, esta folla de ruta, que marca as directrices para a conservación e potenciación do Camiño de cara ao próximo Ano Santo 2021, establece plans de acción enfocados ao fomento do estudo e a investigación da Cultura Xacobea, así como a súa divulgación entre todos os públicos, fortalecendo a marca “Galicia, O Bo Camiño”.

Para finalizar, a directora de Turismo de Galicia agradeceu a destacada labor que ven facendo o Instituto de Estudo Galegos Padre Sarmiento no ámbito dos estudos sobre as peregrinacións mediante iniciativas como o lanzamento desta colección xa que, segundo afirmou, “colaboran a posicionar a Santiago de Compostela e Galicia como referente na investigación do fenómeno das peregrinacións”.