Friday 22 de November de 2024

Alternativa convoca unha concentración para esixirlle ao Concello a reapertura da pista multideporte de Arteixo


Alternativa dos Veciños de Arteixo Alternativa dos Veciños de Arteixo convoca unha concentración para o vindeiro sábado día 10 ás 12:00 horas, que se levará a cabo na Rúa Río Sil, fronte a Pista Multideporte en cuestión, para demandar ao Goberno Municipal o arranxo e a reapertura da Pista Multideporte de Arteixo

Alternativa dos Veciños denuncia que hai máis de tres meses que o Goberno Municipal precintou a pista multideporte de Arteixo, debido supostamente a que a pista presenta deficiencias. Agora, despois de que Alternativa e a veciñanza denunciaran publicamente esta situación, o Goberno Municipal anunciou que non se volverá reabrir a citada pista multideporte, xa que van a construír outra á beira do “Central Park de Arteixo” e que o solo onde se atopa actualmente a pista vai ser utilizado para crear aparcadoiros.

“En Alternativa xa alertamos das intencións que podía ter o Goberno Municipal tanto co futuro da Pista Multideporte como co solo sobre o que se sitúa. Isto é o primeiro paso para dar outro “pelotazo” urbanístico. É a habitual estratexia do actual Goberno Municipal. Primeiro ensinan a “patiña” e logo cando se acougan os ánimos dan o paso definitivo e pretendido desde o inicio, que non é outro que pegar un “pelotazo” urbanístico para beneficiar a algunha empresa de construción ligada ao Partido Popular” apunta Noelia Martínez, Portavoz de Alternativa en Arteixo.

“Ninguén pode entender que un concello vaia a destruír unha pista deportiva para volver construír outra, igual ou moi similar, a escasos metros da que se pretende destruír por valor de 130.000 euros. Non existe razón algunha que poida xustificar semellante barbaridade.
Desde hai uns anos no concello de Arteixo véñense realizando certas operacións urbanísticas cando menos sospeitosas, que parecen ter como único obxectivo desviar fondos das arcas municipais cara os petos duns cantos empresarios, que logo son os mesmos que pagan as campañas electorais do PP de Arteixo” matiza Noelia Martínez.