Rueda e Rodríguez Miranda inician mañá unha visita institucional ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, na que manterán distintos encontros coa colectividade galega
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inician mañá, xoves, unha visita institucional ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, na que manterán distintos encontros coa colectividade galega.
Está previsto que o xoves, Rueda e Rodríguez Miranda visiten a Embaixada de España en Uruguai, onde asistirán á sinatura dun acordo entre a Casa de Galicia, a Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos e o Fogar de Anciáns.
Así mesmo, aproveitarán a súa estancia en Montevideo para participar no acto de entrega das medallas de honor da Emigración, que concede o Ministerio de Emprego e Seguridade Social de España; e participar na celebración do Día da Hispanidade en Uruguai.
Axenda bonairense
A continuación, o venres 9, os representantes do Goberno galego desprazaranse ata Bos Aires, onde participarán tamén na celebración do Día da Hispanidade en Arxentina e no aniversario da Obra Social OSPAÑA.
A visita institucional rematará o sábado coa participación do vicepresidente e o secretario xeral da Emigración na celebración do “Bos Aires Celebra Galicia”, que como en anos anteriores congregará á colectividade galega ao longo da Avenida de Maio bonairense.