— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€
— O Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes de 41 centros da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa ‘EduExchanges’
Un total de 200 alumnos e 20 profesores de 3º e 4º de ESO participarán nos programa de intercambio con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France (a través do programa Galimiens) e Bretagne, ambas no país veciño. O obxectivo destas iniciativas, enmarcadas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030, é potenciar a aprendizaxe activa da lingua francesa do noso alumnado e mellorar a súa competencia lingüística. Desta forma promóvese a convivencia escolar, lingüística e cultural entre Galicia e estas dúas rexións francesas, tendo en conta o enorme interese que o ensino da lingua, a literatura e a cultura, tanto galegas como españolas, suscitan na rexión francesa, así como a afección pola lingua e a cultura do país veciño no sistema educativo da nosa Comunidade.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€. Os centros participantes nestes programas reciben unha asignación económica de 4.000€ cada un para sufragar conceptos varios vencellados á viaxe de intercambio. As persoas coordinadoras do programa en cada centro serán as responsables da actividade de intercambio, tanto no aspecto organizativo como educativo, durante a estancia do alumnado francés en Galicia e a do alumnado galego en Francia. As datas das mobilidades do alumnado a Francia e a Galicia serán concretadas polas persoas coordinadoras de cada centro.
Durante o período de intercambio, o alumnado galego –10 escolares por cada centro– participante no intercambio deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da estancia dos estudantes franceses en Galicia.
Os centros participantes son os recollidos na seguinte táboa:
Programa | Provincia | Concello | Centro |
Bretagne | A Coruña | Cambre | IES Alfonso X O Sabio |
Bretagne | A Coruña | Cerceda | CPI Plurilingüe O Cruce |
Bretagne | A Coruña | Malpica de Bergantiños | IES Urbano Lugrís |
Bretagne | A Coruña | Oleiros | IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas |
Bretagne | Ourense | Ourense | IES Universidade Laboal |
Bretagne | Pontevedra | Caldas de Reis | IES Plurilingüe Aquis Celenis |
Bretagne | Pontevedra | Cangas | IES María Soliño |
Bretagne | Pontevedra | Gondomar | IES Plurilingüe Terra de Turonio |
Bretagne | Pontevedra | Redondela | IES Mendiño |
Bretagne | Pontevedra | Vigo | IES O Castro |
Hauts-de-France | A Coruña | Frades | CPI de Ponte Carreira |
Hauts-de-France | Lugo | Burela | IES Monte Castelo |
Hauts-de-France | Lugo | Monforte de Lemos | IES Francisco Daviña Rey |
Hauts-de-France | Ourense | Ourense | IES Ramón Otero Pedrayo |
Hauts-de-France | Ourense | Viana de Bolo | IES Carlos Casares |
Hauts-de-France | Pontevedra | Meis | CPI de Mosteiro-Meis |
Hauts-de-France | Pontevedra | Pontevedra | IES A Xunqueira II |
Hauts-de-France | Pontevedra | O Rosal | CPI Manuel Suárez Marquier |
Hauts-de-France | Pontevedra | Vigo | IES Alexandre Bóveda |
Hauts-de-France | Pontevedra | Vilagarcía de Arousa | IES Castro Alobre |
Traballo colaborativo
A maiores, o Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa EduExchanges, de intercambio en liña para realizar un proxecto no que afonden no coñecemento mutuo con colexios e institutos estranxeiros.
Deste xeito, alumnado galego de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato de 41 centros galegos participará nesta iniciativa con escolares de Austria, Canadá, Estados Unidos, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Suecia e Suíza.
O centro educativo será o encargado da selección do lycée ou collège co que realizará este intercambio, que será coordinado por un docente. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achega un orzamento de 250€ a cada colexio ou instituto por cada un dos proxectos nos que participa, ata un total de 43 iniciativas colaborativas. A relación de colexios e institutos participantes pódese consultar na resolución publicada no Portal Educativo.