― O novo itinerario habilitarase ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños
― A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar os traballos a principios de 2023 para telos rematados na primavera, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses
― Construirase un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros, para salvar o desnivel no terreo e soster a senda, evitando afectar o rego das Dornas
― A actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, coa execución xa de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€
― A Xunta impulsa a construción de novas sendas para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 147.288 euros as obras da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba.
A intervención, adxudicada á empresa Mantido S.L., prevé iniciarse a principios deste vindeiro ano 2023 e rematala na primavera, xa que conta cun prazo de execución de 4 meses.
Mediante este contrato, habilitarase ao longo de 450 metros da estrada AC-404 un novo itinerario co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.
Esta senda, fundamentalmente de uso peonil, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.
A vía executarase pola marxe dereita da estrada autonómica, no treito de 450 metros comprendido entre A Ponte e Santa Cataliña, mellorando o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai a habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.
Este novo itinerario terá un ancho de 1,80 metros, acorde ás beirarrúas existentes, e irá separado da estrada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.
Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria.
A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.
Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.