Saturday 16 de November de 2024

Rematadas as obras de mellora da accesibilidade na rúa San Xaime, no barrio da Sagrada Familia


É a terceira intervención do Goberno de Inés Rey na contorna no que vai de ano, tras os traballos de renovación da praza da Sagrada Familia e a reforma dos pasos peonís da zona

O Concello da Coruña concluíu as obras de mellora da accesibilidade no sector sur da rúa de San Xaime, no barrio da Sagrada Familia. Estes traballos executáronse tras recibirse unha petición por parte das comunidades de veciños dos portais 25, 27 e 29, e eran necesarios para facilitar a instalación de ascensores na fachada dos tres inmobles.

Neste sentido, e aproveitando os traballos, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, así como a de Medio Ambiente e Sostibilidade, levaron a cabo unha intervención de reforma integral na beirarrúa lindeira a estas tres comunidades veciñais, ampliando o espazo de paso peonil en 1,3 metros con respecto ao disposto con anterioridade, e incluíndo, por outra banda, dúas novas áreas verdes, con espazos axardinados e árbores.

Executáronse tamén melloras do firme e en dous pasos peonís da contorna: o primeiro, no acceso á rúa Alberto Datas Panero; e o segundo, no paso peonil próximo ao portal 29 da rúa San Xaime, que pasou a estar elevado, co obxectivo de reforzar a seguridade das veciñas e veciños e pacificar o tráfico rodado.

Terceira intervención deste ano 2022 na contorna da praza da Sagrada Familia

As obras de ampliación na beirarrúa da rúa San Xaime supoñen a terceira intervención executada este ano polo Concello na contorna da praza da Sagrada Familia, onde a Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade culminou, a comezos de agosto, os traballos de mellora na propia praza, cunha intervención en máis de 1.106 metros cadrados de superficie, na contorna da igrexa de San Rosendo.

As melloras incluíron a revisión do firme da praza, a área biosaludable de exercicios, os camiños de acceso e a zona de estacionamento de bicicletas, coa idea de darlle unha uniformidade total. Neste sentido, dispúxose unha nova capa con textura para reforzar a seguridade das persoas usuarias, evitando os esvaróns. Ademais, acondicionáronse os accesos principais á praza, para facela máis accesible ás persoas con discapacidade.

Ademais, e no pasado mes de maio, o servizo de Infraestruturas rematou outra intervención no parque infantil de San Xaime, onde a zona de xogos duplicou a superficie do parque ata os 124 metros cadrados, engadindo ademais novos elementos para múltiples xogos para a rapazada. Os traballos enmárcanse dentro da estratexia de investimentos nos barrios posta en marcha polo Goberno de Inés Rey.