As actuacións desenvolveranse en distintos barrios e parroquias
No Concello de Carballo temos en marcha nestes momentos sete proxectos de obras viarias que supoñen un investimento global de 1,3 millóns de euros. Dúas delas están practicamente rematadas tras un investimento próximo aos 50.000 euros: a reurbanización da rúa Lugo, na zona urbana dos Baños Vellos, e o acceso ao centro social da parroquia de Lema, ata onde se achegaron hoxe os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo.
A próxima en comezar será, con toda probabilidade, a reurbanización da rúa Estrela, que completará as actuacións incluídas no plan director da contorna do balneario. Este último proxecto abrangue dende o entronque coa rúa Perú ata a intersección con Vázquez de Parga, incluíndo a resolución do cruzamento coa rúa Baños Vellos. O obxectivo principal das obras, que teñen un orzamento de 208.242,66 euros, e a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, a renovación de pavimentos e bases e a adopción de medidas para a accesibilidade universal e a seguridade viaria. Neste momento están en fase de avaliación as ofertas presentadas polas empresas interesadas en levar a cabo os traballos.
O 12 deste mes rematará tamén o prazo de presentación de ofertas para outros dous proxectos viarios na zona urbana. Por unha banda está previsto acometer a reurbanización das rúas Labarta Pose, Manuel Murguía, Ramón Otero Pedrayo e Antón Fraguas, situadas na contorna do CEIP Bergantiños e o complexo deportivo Carballo Calero. O investimento acada os 255.955,40 euros, e inclúe a instalación ou renovación dos servizos urbanísticos, ademais da creación dun itinerario peonil accesible, unha pequena zona verde dotada de céspede e a plantación de 38 árbores.
O outro proxecto que está en licitación tamén ten como obxectivo a mellora da accesibilidade peonil no barrio das Flores (rúas Papoulas, Xeranios, Mirtos, Camelias, Xasmíns, Lirios, Xestas, Camelias e Begonias) e noutras rúas urbanas: Perú, Muíño, Gran Vía, Uruguai, Brasil, Arxentina e Igrexa. En total realizaranse 124 actuacións de ampliación ou adaptación de beirarrúas, similares ás executadas noutros barrios, cun orzamento de 287.071,81 euros.
Nos vindeiros días tamén sairán a contratación outros dous proxectos, aprobados esta mesma semana pola Xunta de Goberno Local, que consistirán na mellora da capa de rodaxe con aglomerado de dúas vías rurais: dende As Labradas (Carballo) ata A Ponte de Bértoa, cun orzamento de 142.639,07 euros, e dende Bolón (Sofán) ata Vilar de Francos (Artes), por 225.140,47 euros.