Santiago acollerá do 9 ao 11 de decembro o I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña, no que participarán 20 equipos e máis de 450 deportistas das categorías infantil, cadete e xuvenil (masculina e feminina). No aspecto deportivo o principal obxectivo desta competición é servir como preparación das seleccións galegas de cara ao Campionato de España de Seleccións Territoriais, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro de 2023 en Benidorm.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no Concello de Santiago, coa participación da concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa; a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán; e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, agradeceu a aposta da Federación Galega de Balonmán e da Depuración Provincial da Coruña, para que este evento poida celebrarse na capital da Galicia, xa que “pon en valor Santiago como cidade deportiva, ademais de poder xerar visitantes, que seguro que van desfrutar da nosa cidade”.
Pola súa banda, a deputada Cristina Capelán, destacou que “para a Deputación da Coruña é un pracer colaborar con este tipo de eventos, no que se fomenta o deporte base e o deporte inclusivo, con nenos e nenas, que son obxectivos fundamentais para a Deputación”.
Para rematar, o presidente da Federación Galega, Bruno López, agradeceu o apoio de ambas institucións e animou a cidadanía a achegarse aos pavillóns para gozar do balonmán de base.
Os combinados do Principado de Asturias e da rexión de Porto, xunto con catro equipos galegos de categoría sénior (BM Reconquista, BM Brigantium, Calmear Rasoeiro e BM Culleredo), serán os encargados de poñer a proba o nivel das diferentes seleccións galegas neste último tramo da súa preparación antes do CESA 2023. Os partidos celebraranse nos pavillóns do Restollal e Fontiñas e o domingo a partir das 14:30 horas terá lugar a entrega de trofeos no pavillón do Restollal.
O I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña celebrarase grazas á financiación da Deputación Provincial da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, no que se aloxarán os combinados galegos entre o 7 e o 11 de decembro.