Saturday 16 de November de 2024

O Concello renova a iluminación dos campos de fútbol municipais reducindo á metade o consumo enerxético


A actuación substituirá as lámpadas actuais por outras de tipo led, demaior calidade lumínica e máis eficientes

O Concello da Coruña comezará nos vindeiros días a
renovación integral da iluminación dos campos de fútbol municipais. Está previsto que a execución destes traballos comece o luns 12 de decembro nas instalacións Víctor Fernández Alonso.

O Goberno de Inés Rey aproveitará as datas de Nadal para levar a cabo estes traballos nos campos de Agrela I e a Cidade Deportiva A Torre-Arsenio Iglesias e, deste xeito, non prexudicar a actividade das instalacións, que descende durante estas próximas semanas.

O obxecto desta actuación é, por unha banda, mellorar a calidade da iluminación dos campos de fútbol municipais substituíndo as vellas lámpadas por unhas de tipo led de última xeración.

Por outra banda, o emprego desta tecnoloxía permitirá acadar un aforro enerxético considerable, xa que levará implementado un sistema de control remoto persoalizable.

Haberá tres tipos de focos, dependendo das dimensións do terreo de xogo e das necesidades e o nivel das actividades que se practiquen nel. A estimación é que coas novas lámpadas o aforro enerxético supere o 50 % con respecto ás actuais.

A renovación da iluminación dos campos de fútbol forma parte do proxecto de renovación integral da iluminación pública da cidade, que se está a executar nestes intres en diferentes puntos da cidade. O Goberno de Inés Rey está a executar o cambio de 21.000 puntos de luz por sistemas de última xeración. O proxecto permitirá, ademais, xestionar de maneira remota as lámpadas, tanto o tempo de acendido como a intensidade.

Esta actuación conta cun orzamento que se aproxima aos 30 millóns de euros, dividido en dous lotes (norte e sur), e que está financiado con 12,6 millóns de euros por fondos europeos FEDER a través do IDAE.