Saturday 16 de November de 2024

Case 800 deportistas tomarán a saída este domingo no XXXVI Memorial Adolfo Ros


A maioría das inscricións na media maratón -635- son na categoría absoluta

Todo listo para unha nova edición do Memorial Adolfo Ros, a principal carreira popular do calendario comarcal que percorrerá os concellos da ría na mañá deste domingo 11 de decembro. Ao peche das inscricións, a Federación Galega de Athletismo contabilizou 782 deportistas nos oito apartados que terá a proba, a maioría delas para a distancia absoluta de 21 quilómetros. Este ano a organización recaeu no Concello de Fene, quen, en colaboración con Ferrol, Narón e Neda, ten preparado un amplo dispositivo para que esta auténtica festa do deporte sexa, de novo, todo un éxito.

A carreira absoluta arrancará na Avenida do Mar, en San Valentín, ás 10:00h cun total de 635 persoas apuntadas, e finalizará no mesmo punto pasadas as 12:00h. De feito, a entrega de premios está prevista para as 13:00h no pavillón da Xunqueira.

Haberá tamén probas nas categorías de menores. Sub 18 e Sub 16, con 25 inscricións, percorrerán 4 quilómetros metros por un circuíto trazado nos arredores do barrio, igual que nos apartados Sub 14 e Sub 12 (54), que deberán completar 2.000 metros. Para a rapazada Sub 10 (35 participantes) hai preparada unha carreira de 1.000 metros e as 33 crianzas inscritas menores de 8 anos só terán que correr 800 metros.

Cómpre ter en conta que a media maratón tamén está aberta a corredores e corredoras en cadeira de rodas -3 inscricións- e á de persoas invidentes, na que só haberá unha participación. Na categoría de handbikes non se rexistrou ningunha solicitude.

Para axilizar o desenvolvemento da proba, os dorsais poden retirarse de maneira anticipada no pavillón da Xunqueira este venres 9 de decembro en horario de 16:30 a 20:30h. O sábado tamén se poderán recoller de 9:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:20h. O domingo pola mañá a retirada estará aberta de 8:00 a 9:00h, xusto antes do comezo da proba, cuxos tempos se rexistrarán mediante dispositivos electrónicos para poder publicalos intres despois do seu remate.

Para asegurar que a carreira se desenvolva sen incidencias, os catro concellos teñen organizado un amplo dispositivo de seguridade coordinado polas respectivas policías locais coa axuda da Garda Civil de Tráfico que velarán pola seguridade regulando a circulación ao longo do percorrido da carreira. Tamén prestan apoio as agrupacións municipais de Protección Civil, así como membros dos clube BTT Fene, Club Kang Fene e Cultural Maniños S.D entre outras entidades colaboradoras.