― Ampliarase a potabilizadora e construirase un bombeo e un novo depósito de auga potable que mellore o funcionamento da rede de abastecemento
― O obxectivo destas actuacións é facer fronte á demanda de auga en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial
― Con esta intervención a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes
― A Xunta mantén o apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 15 ofertas de empresas para executar as obras da primeira fase de mellora da rede de abastecemento municipal da Laracha, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,8 millóns de euros.
Actualmente, o abastecemento do concello de Laracha presenta importantes déficits derivados, fundamentalmente, da falta de presión de auga nalgunhas zonas e da falta de capacidade de almacenamento para facer fronte ás demandas de auga en época estival.
Para resolver estas carencias, as actuacións obxecto deste contrato, centraranse nesta primeira fase na ampliación da estación de tratamento de auga potable, na construción dun bombeo e dun novo depósito de auga potable, que mellore o funcionamento da rede de abastecemento deste concello.
Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida específica de 1,87 millóns para a execución dos traballos, que teñen un prazo de execución de oito meses.
Con esta intervención, a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes.
A actuación será cofinanciada a través de fondos REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á Pandemia de COVID-19.
O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.