Friday 22 de November de 2024

A Xunta incorpora 30 novos centros ao programa “Radio na Biblio” e fomenta o voluntariado cultural


— Un total de 167 participan na iniciativa de laboratorios de radio escolares

— Ademais, convócase o programa ‘Bibliotecas Solidarias’ con experiencias dentro ou fóra do centro para o alumnado e as súas familias

— Enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas escolares para promover un uso responsable da información en múltiples formatos

A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos no programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Para iso, os seguintes 30 centros percibirán unha asignación de 2.000€:

Provincia Concello Centro
A Coruña A Coruña CEIP Plurilingüe Alborada
A Coruña Ferrol CEIP de Pazos
A Coruña Ferrol CEIP de Esteiro
A Coruña Mugardos IES de Mugardos
A Coruña Muros CEIP Ramón de Artaza y Malvárez
A Coruña Pontedeume CEIP Couceiro Freijomil
A Coruña Teo CEIP Plurilingüe Os Tilos
Lugo Cervantes CPI de Cervantes
Lugo Guitiriz CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga
Lugo Lugo IES Sanxillao
Lugo Meira CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz
Lugo Palas de Rei CEIP Plurilingüe de Palas de Rei
Lugo Quiroga IES de Quiroga
Ourense San Cristovo de Cea CPI Virxe da Saleta
Ourense Verín IES Xesús Taboada Chivite
Pontevedra A Cañiza CPI da Cañiza
Pontevedra A Estrada CEIP do Foxo
Pontevedra A Guarda CEIP Manuel Rodríguez Sinde
Pontevedra As Neves CEIP Marquesa do Pazo da Mercé
Pontevedra Lalín IES Ramón Mª Aller Ulloa
Pontevedra Marín CEIP de Ardán
Pontevedra Marín CEIP de Sequelo-Marín
Pontevedra Meaño IES de Meaño
Pontevedra Ponteareas IES Plurilingüe Pedra da Auga
Pontevedra Salvaterra de Miño CEP Carlos Casares
Pontevedra Tomiño IES Antón Alonso Ríos
Pontevedra Vigo CEIP Plurilingüe O Pombal
Pontevedra Vigo CEIP Plurilingüe Santa Mariña
Pontevedra Vilagarcía de Arousa EOI de Vilagarcía
Pontevedra Vilanova de Arousa IES A Basella

No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500€ cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Plan LÍA
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.

Bibliotecas solidarias
Tamén no marco do Plan LÍA, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de convocar o programa ‘Bibliotecas Escolares Solidarias’, co obxecto de estimular e recoñecer o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.

No caso dos centros de Primaria seleccionaranse un máximo de 10 experiencias de voluntariado cultural dentro ou fóra do centro, desenvolvidas por escolares de 5º e 6º desta etapa educativa. No caso dos de Secundaria e outras ensinanzas, poderán solicitalo as bibliotecas dos centros cuxo alumnado participe en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca ou de lectura compartida ou traballo coa información, dentro e fóra do propio instituto. Os estudantes recibirán un diploma outorgado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Dentro deste programa tamén se convoca o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un recoñecemento ao labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Poderán solicitalo todas as etapas educativas e outorgaranse un máximo de 15 selos de recoñecemento.