Saturday 16 de November de 2024

Rueda resalta que Galicia é refeerencia en España na presentación de servizos que garantes a atención aos maiores no rural


― Subliña que a comunidade é líder nacional no Servizo de Axuda no Fogar e conta con programas como Coidados Porta a Porta ou a rede de Casas do Maior

― Destaca que as novas instalacións do centro de Oza-Cesuras, financiadas no 75% pola Xunta, servirán para “manter as persoas maiores ben atendidas nun lugar no que elas queren vivir”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que Galicia é referencia en España na prestación de servizos que garanten a atención aos maiores no rural. Durante a inauguración do centro de maiores de Oza-Cesuras, que abrirá as súas portas en xaneiro e contará con 40 prazas, o titular do Goberno galego destacou a importancia desta nova infraestrutura tanto na dinamización do rural como na mellora de calidade de vida dos veciños da zona.

Rueda subliñou que ofrecer os mellores servizos a todos os galegos, vivan onde vivan, “é unha das maiores prioridades da Xunta, e máis nun ano como o que vén”. No eido dos maiores -área que contará cunha partida de 438 M€ nos orzamentos de 2023- un dos obxectivos é que calquera galego teña próximos servizos fundamentais. De aí a importancia de programas coma o Servizo de Axuda no Fogar -no que Galicia é líder a nivel nacional e do que se benefician preto de 25.000 galegos-; da rede de máis de cen Casas do Maior para facilitar a conciliación das familias ou a iniciativa Coidados Porta a Porta que percorre as diferentes vilas galegas para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía ou estimulación de memoria e que xa chegou a 25.000 usuarios.

Ademais, dentro do obxectivo de revitalizar o rural, a Xunta conta con outras iniciativas dirixidas ao conxunto da cidadanía como as Casas Niño -para coidados de nenos de 0 a 3 anos- o servizo de biblioteca móbil, a Lei de recuperación de terra agraria ou o proxecto Territorio Cultura para impulsar actividades culturais en pequenos municipios.

Novo centro de maiores de Oza-Cesuras
O novo centro inaugurado hoxe contará con 40 prazas e combinará os servizos de atención sanitaria como logopeda ou fisioterapia con actividades de promoción da autonomía ou hábitos saudables con espazos para o encontro e o uso lúdico. A Xunta asumiu o 75% do custe de poñer en marcha esta nova infraestrutura social.

O presidente resaltou que un dos obxectivos da Xunta e das Administracións locais, subliñou, é “traballar para facerlle a vida máis sinxela” aos galegos . Nese sentido, subliñou a importancia “dunhas instalacións de calidade” que servirán para “manter as persoas maiores ben atendidas nun lugar no que eles queren vivir”.