Un total de 57 nenos e nenas de entre 5 e 17 anos participaron este sábado pola tarde no Pequetrail Lousame 2022, no que foi un récord de participación nesta proba que arrincou no 2019 con apenas dez participantes. O tempo acompañou cunha tarde soleada que animou á participación da rapazada e dalgún que outro pai/nai, que comprobaron sobre o terreo o complicado que é manter pé cando non se leva o calzado axeitado.
Esta cuarta edición do Pequetrail contou con máis participantes que as tres edicións anteriores xuntas: 15 no 2021, 30 no 2020 e 10 no 2019. A proba desenvolveuse na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes. Os primeiros en saír foron os cadetes e xuvenís, que percorreron uns 7 km. O grupo máis numeroso, os 28 alevíns e infantís, cubriron unha distancia de 2 km; mentres cos benxamíns afrontarán algo máis de 500 metros. Os máis pequenos, os xabaríns, percorrerán uns 300 metros.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de entregarlles as medallas a todos os participantes, así como unha cinta deportiva Hanker e un pequeno avituallamento con froita e chocolate para repoñer forzas. Unha tarefa na que estivo acompañada polos técnicos de Cultura, Deportes e Voluntariado de Lousame. Así mesmo, contouse coa imprescindible colaboración do Voluntariado lousamiá, do Club de Atletismo Lousame, da Cruz Vermella de Noia (con 5 voluntarios, un vehículo 4×4 e outro de intervención rápida) e de Protección Civil de Lousame.
Teresa Villaverde agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que fixeron posible este Pequetrail Lousame 2022 e convidou aos presentes a inscribirse no Trail e na Andaina Solidaria, que terán lugar o vindeiro domingo 11 de decembro e o sábado 17 de decembro, respectivamente. Unhas inscricións que se poden formalizar na web www.emesports.es.