A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu o alto nivel deste concurso de tapas, o máis antigo de Galicia
Taller de Sastrería e Casa Surrey recibiron mencións especiais
O XVIII Concurso de Tapas Picadillo viviu hoxe o seu peche coa entrega de premios ás mellores propostas das diferentes categorías desta edición. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu, un ano máis, a alta participación dos establecementos de hostalería da cidade e destacou a calidade das tapas elaboradas. Taberna Triay, Roots, Intenso e Ajetreo son os gañadores desta edición, con mencións especiais a Taller de Sastrería (unha mención) e Casa Surrey (dúas mencións).
A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio deTurismo e Congresos de A Coruña, Juan Ignacio Borrego, a neta de Picadillo e membro daAcademia de Gastronomía de Galicia, Carmen Fernández-Gago Puga, e o Relacións Públicas de Hijos de Rivera, Sergio Castellanos, entregaron os premios no acto celebrado esta mañá. Inés Rey subliñou o alto nivel do concurso de tapas máis antigo dos que se celebran en Galicia, que nesta edición cumpre a súa maioría de idade. “Este concurso contribúe a facer que a nosa cidade sexa referente na gastronomía do noroeste de España”.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu ao xurado a súa participación, tanto ao xurado profesional (encargado de seleccionar as propostas premiadas) e á súa presidenta, Chau Fernández-Gago Puga (neta de Picadillo), como ao xurado inicial, responsable de evaluar as 60 tapas participantes nesta edición e de elixir as finalistas. “Cónstame que tivo un arduo traballo para poder ditaminar as tapas premiadas”, asegurou.
A rexedora tamén puxo en valor a identidade diversa do concurso, “no que participan todos de igual a igual, desde os establecementos máis pequenos aos máis grandes ou desde os máis novos aos máis tradicionais. É un un escenario imprescindible no que, ano a ano, o tecido gastronómico da nosa cidade amosa o seu inmenso potencial”.
Premiados
Na categoría Mellor Tapa Receitario Picadillo, unha modalidade nova nesta edición, resultou gañador o establecemento Taberna Triay, coa súa tapa “Soldadiños de Pavía”.
O Premio á Mellor Tapa Creativa foi nesta edición para Roots, coa súa creación: “Gyoza de chocos na súa tinta”. Ambos galardóns foron elixidos por un xurado profesional.
Tamén houbo premios por votación popular. Intenso é o gañador do Premio na Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 coa súa tapa: “Croqueta esférica de lumbrigante galego”. Ademais, o Premio Picadillo 2022 da Cidade da Coruña recaeu nesta edición en Ajetreo, coa súa creación: “Pequena cana con aroma de óso de cana rechea de tenreira sobre crema de allo porro e pataca”.
As mencións especiais foron, nesta edición, para Taller de Sastrería, coa tapa “Brioche KmC” e a cervexa Estrella Galicia 1906. Este establecemento recibiu a Mención Especial Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 (por votación popular). Casa Surrey obtivo dúas mencións especiais, na Categoría Premio Tapa Receitario Picadillo, coa tapa “Mexillóns compostos”; e na Categoría Premio Tapa Creativa, co “Brioche de carne”.
Nas categorías de Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa Creativa cada premio é de 1.000 euros e nas categorías de Maridaxe e Cidade da Coruña, de 500 euros respectivamente.
XVIII edición
Nesta edición do Concurso de Tapas Picadillo participaron 52 establecementos da cidade con 60 tapas: 22 delas na categoría de Tapas Creativas e 38 na de Tapas Receitario Picadillo, a novidade deste ano con creacións inspiradas nalgunha das receitas salgadas características de Galicia recollidas na famosa obra “A Cociña Práctica” de Picadillo.
Ademais, do total de tapas presentadas para o concurso, 23 participaban tamén na categoría de Maridaxe, elaboradas por 20 establecementos da cidade. Entre as propostas había tamén 22 tapas celíacas e 4 tapas veganas.
Para seren admitidas a concurso as tapas pasaron unha fase previa de avaliación e unha vez no concurso, un xurado inicial escolleu as mellores tapas baseándose nos criterios de sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. Deste proceso de selección saíron oito establecementos finalistas e dez tapas. Seguindo os mesmos criterios nunha terceira fase un xurado de expertos escolleu a tapa gañadora en cada categoría.
Este certame toma o nome de Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como Picadillo, quen foi alcalde da Coruña de 1915 a 1917, escritor e gastrónomo. Para este concurso contouse coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), Estrella Galicia, e Hostelería por el Clima.