Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición no evento “Atrintaeundoce”, a San Silvestre de Narón


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá “A trintaeundoce”, a San Silvestre de Narón, acompañados polo presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, e Daniel Martínez e Irene Mera, integrantes da citada entidade deportiva local. O evento desenvolverase o vindeiro 31 de decembro na cidade e o prazo de inscrición permanece aberto dende hoxe ata o 25 deste mes (ás 23.59 horas), podendo tramitalas a través da web: www.galitiming.com.

O presidente da A.D. Náutico de Narón indicou que se estableceron catro categorías: Master (1986 e anteriores) e Senior (2006-1987), que sairán en ambos casos ás 16.45 horas para percorrer un tramo de 3.112 metros; Promoción (2013-2007), con saída ás 16.30 para un tramo de 1.556 metros e Pitufos (2004 e posteriores) que sairán ás 16.20 e horas e percorrerán 300 metros. O circuíto terá a saída e a meta na estrada de Castela, á altura do número 336 (nas inmediacións da glorieta de Freixeiro) e o punto de retorno para algunhas categorías –B, C e D- estará no citado vial pero á altura do número 525. O tramo estará pechado á circulación rodada mentres se desenvolva a proba.

Os dereitos de inscrición na carreira absoluta teñen un custe de 3 euros, e será de un para a proba de promoción e de balde para a categoría de pitufos, tal e como se estipula nas bases da convocatoria. No momento da inscrición, entre outros datos, deberase especificar se se corre como popular ou federado, debendo no último caso facilitar o número de licenza e o clube. Os dorsais poderán recollerse o propio 31 de decembro na carpa que se instalará próxima ao punto de saída e meta, no parque de Freixeiro, e tamén previamente, dende as 16.00 horas do xoves 29 ata as 21.00 horas do venres 30 nas instalacións de Decathlon Ferrol.

O acto de entrega de premios realizarase no parque de Freixeiro unha vez finalice a proba absoluta, concedéndose medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría e sexo. Na categoría de “Pitufos” darase un agasallo a todos os participantes e tamén se concederá un premio especial aos tres primeiros clasificados masculinos e femininos absolutos da proba. Ao final do evento haberá un sorteo con diferentes agasallos.

A alcaldesa animou á cidadanía a inscribirse nesta proba “que na anterior edición tivo unha excelente acollida e está consolidándose como outro dos eventos fixos do calendario deportivo da nosa cidade”.