Cunha dobre sesión de contacontos na biblioteca municipal, o xoves 15 e o venres 16 de decembro, comeza este ano o ciclo de actividades de Nadal organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene. O programa inclúe, amais dos contacontos, o tradicional festival de panxoliñas e un concerto a cargo de Eugenia Sanmartín. Tamén se anuncian dúas exposicións na Casa da Cultura e, ao remate das festas, o venres 5 de xaneiro, a cabalgata das SSMM os Reis Magos de Oriente e a recepción real na praza do alcalde Ramón Souto González. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse até o 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (aforo moi limitado, por orde de solicitude). Folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal.
Por outro lado, dende a Concellería de Deportes tamén avanzan que, do 27 de decembro de 2022 ao 6
de xaneiro de 2023 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
• Xoves 15 de decembro, ás 18 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé.
Actuación de Barafunda Teatro con “Pepiña Maruxiña quere voar”.
Pepiña Maruxiña emprende unha aventura polo xardín á procura dunhas ás. Pólo camiño coñecerá diferentes animais que axudarán a cumprir os deus desexos de voar. O conto de Pepiña está baseado na tradición popular de cantarlle as xoaniñas para protexelas.
Mistura a música e diferentes elementos como globos, espuma…
Actividade de balde, con aforo limitado e reserva previa na Biblioteca PM “Xosemaría Pérez Parallé” presencialmente ou no teléfono 981 342 302, do 7 ao 14 de decembro.
Dirixido a nenos e nenas de 0 a 4 anos.
Duración aprox.: 40 minutos
• Venres 16 de decembro, ás 17.30 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé.
Actuación de O Titiribaile con “Chegados a este punto”.
Chegados a este punto é unha clase maxistral onde ensinamos que a vida é máis sinxela do que semella….a vida SON CORES. É unha clase onde podes acudir sempre que queiras pois cada día nos deixa unha lección. Nesta ocasión aprenderemos como superar os nosos medos, que cor representa cada emoción, que un agasallo non ten porque ser material, que todos temos un artista dentro animais, estacións, cores, etc. A través da música, das cores, dos sentidos etc…
Actividade de balde, con aforo limitado e reserva previa na Biblioteca PM “Xosemaría Pérez Parallé” presencialmente ou no teléfono 981 342 302, do 7 ao 15 de decembro. Dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Duración aprox.: 30 minutos
• Sábado 17 de decembro, ás 20 horas, na ACRD Agarimo de Sillobre. Festival de Panxoliñas do Concello de Fene.
Participan:
• Coral Polifónica O Pote de Maniños
• Rondalla Perla del Río
• Rondalla Estrelecer
• Tradicoro
• Coral Polifónica Agarimo de Sillobre
Dirixido a todos os públicos
Duración aprox.: 90 minutos
• Mércores 28 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Actuación de Compañía Eléctrica con “Festa”.
Iria Pinheiro fai unha festa de contos nos que a diversidade é o fío condutor. Unha contada poética e alegre baseada no teatro de obxectos que fará sorrir a crianzas e maiores. Sopas insólitas, vacas que poñen ovos e amizades únicas son parte dos ingredientes das divertidas historias representadas nesta peza.
Actividade de balde, con aforo limitado sen reserva previa.
Dirixido a público de infantil e primaria.
Duración aprox.: 60 minutos
• Venres 30 de decembro, ás 21 horas, no CCRD de Perlío. Concerto de Eugenia Sanmartín co espectáculo “Curumín”.
Curumín quere dicir en guaraní pequeno indio. Dá título á proposta de concerto e tamén é unha das cancións do repertorio. A canción vai adicada ao meu fillo e, ao fin, á vida mesma. O feito de ser mamífera conforma unha das vías máis ricas para a miña inspiración.
O concerto que ofrezo é un repertorio mesturado de temas propios e alleos, e tamén de poemas: poemas musicados e poemas ditos.
As músicas veñen da Galicia, do Brasil, das Américas… o horizonte atlántico ao que verte a nosa terra leva e trae lingua e son. Procuro coa voz e a guitarra e a percusión facer chegar aos vosos oídos cancións que, agardo, cheguen ao corazón que late nos peitos.
Actividade de balde, con aforo limitado sen reserva previa.
Dirixido a tódolos públicos
Duración aprox.: 70 minutos
• Exposicións Nadal na Casa da Cultura
“Heteroxénea”, exposición de pintura, escultura e reproduccións de instrumentos musicais, de Francisco Pérez Alonso. Do 2 ao 30 de decembro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín.
Horario de visitas:
De luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas
Sábados, de 10.00 a 13.00 horas
Domingos e festivos, pechado
A partir do 23 de decembro (inclusive):
De luns a venres, 10.00 a 14.15 horas
Sábados, domingos e festivos, pechado
“Expresións”, exposición de pintura (retratos pop art), de Rebeca Alonso.Do 3 ao 30 de xaneiro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín.
Horario de visitas:
Até o 8 de xaneiro (inclusive):
De luns a venres, 10.00 a 14.15 horas
A partir do 9 de xaneiro (inclusive):
De luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas
Sábados, de 10.00 a 13.00 horas
Domingos e festivos, pechado
• Xoves 5 de xaneiro de 2023, ás 17.30 horas. Cabalgata das SS.MM. Os Reis Magos de Oriente polas rúas do Concello e recepción real na praza do Alcalde Ramón José Souto González.
Saída ás 17.30 horas de Perlío (fronte Aguilar) para percorrer Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais rematando na Praza do Alcalde Ramón J. Souto González onde se dará a benvida ás SS.MM OS REIS MAGOS DE ORIENTE.
Se tes entre 6 e 12 anos cumpridos e queres participar como PAXE REAL na Cabalgata, tes ata o 29 de decembro para anotarte no Rexistro Xeral do Concello (aforo moi limitado, por orde de solicitude).
Podes descargar a folla de inscrición en www.fene.gal
Do día 27 de decembro de 2022 ata o 6 de xaneiro de 2023 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello para enviar os vosos desexos!!