Friday 22 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes aproba a súa conta xeral 2014


As cifras reflexan un surperávit de 8.500 €. No pleno tamén se informou sobre a I Liga de Atletismo e da VIII Mostra de Obradoiros, que terán lugar en novembro

O pleno da Mancomunidade de Ordes aprobou a conta xeral do exercicio 2014 cun superávit de 8.500 €, sen ter rexistrada ningún tipo de débeda. Deste xeito vese cumprida satisfatoriamente a regra de gasto, situándose tamén en 8.500 € o resultado presupuestario e en 400.000 € o remanente de Tesourería.

Na sesión, á que asistiron os alcaldes de cada un dos sete concellos que conforman a Mancomunidade, tamén se informou sobre a I Liga de Atletismo da Mancomunidade de Ordes, competición que se realizará por concellos os vindeiros 7, 14 e 21 de novembro de 17 a 19 horas nas pistas da cidade deportiva Vista Alegre (Ordes). Para este evento cóntase coa colaboración do Club Atlética A Silva, Atletismo Ordes, así como co patrocinio da Deputación da Coruña. Para calquer aspecto pódese consultar o enlace atleticasilva.blogspot.com.

Outro dos temas abordados foi a celebración da VIII Mostra de Obradoiros, que nesta ocasión terá lugar no Concello de Tordoia e cuxa inauguración terá lugar o 27 de novembro. Con esta medida preténdese proporcionar un escaparate a cada unha das asociacións e grupos creativos para dar a coñecer o seu labor e o traballo realizado no último ano. A mostra tamén persegue achegarlle ao resto da cidadanía a faceta artística dos seus veciños e veciñas, á par que se poñen en coñecemento novas alternativas de ocio existentes na comarca das que se pode formar parte. Para levar a cabo dita mostra cóntase co financiamento da Deputación da Coruña.