Friday 22 de November de 2024

Miño celebrará a primeira edición dos Premios do Deporte


• O certame quere recoñecer aos deportistas locais que destacaron na tempada 2021-2022.

• Entre as distintas categorías tamén se recoñecerá a traxectoria de deportistas que destacaron no pasado e que merecen un recoñecemento público por parte do Concello.

• A iniciativa nace coa vocación de consolidarse e ser un acto anual que recoñeza o mérito de todos os deportistas e entidades deportivas do municipio.

O Concello de Miño crea os I Premios do Deporte de Miño para recoñecer anualmente a aqueles/as deportistas, equipos, asociacións e clubs do municipio, e mesmo adestradores ou directivos, que traballaron de forma destacada a favor da promoción do deporte en cada tempada.

Así, a finalidade dos 1º primeiros Premios do Deporte de Miño da tempada 2021-2022 é poñer en valor os méritos e capacidades de persoas e entidades deportivas que contribuíron a potenciar a práctica deportiva no municipio ou alcanzaron éxitos en competicións e campionatos.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, considera que “é importante recoñecer o esforzo e a entrega, a disciplina e a dedicación, entre outros valores, que van implícitos na práctica deportiva, que serven de exemplo para incentivar a persoas de todas as idades para a práctica do deporte.”
As categorías dos premios son as seguintes:
1. Mellor equipo masculino
2. Mellor equipo feminino
3. Mellor deportista promesa
4. Mellor deportista masculino
5. Mellor deportista feminina
6. Á traxectoria deportiva
7. Mellor adestrador
8. Mellor evento deportivo
9. Deportividade e valores deportivos
10. Mellor club
11. Mencións especiais
O acto celebrarase o vindeiro venres 16 de decembro no Local Social da Rúa, onde asistirán os deportistas e familiares así como representantes das entidades deportivas do municipio.