Friday 22 de November de 2024

Cabanas celebrará o III Mercado de Nadal o próximo 18 de decembro


A cita aposta polos produtos de artesanía e proximidade, e contará coa visita do Apalpador

O Concello de Cabanas organiza o domingo 18 de decembro o “III Mercado de Nadal”, unha cita na que as visitantes poderán descubrir e mercar produtos de artesanía e proximidade, ademais de desfrutar de actividades complementarias ao longo do día.

O mercado estará aberto ao público entre as 11 e as 19 horas no Pavillón de Lavandeira, tempo no que as persoas que se acheguen poderán facer as súas compras de agasallos. Ademais, desde o mediodía estará aberto ao público a foodtruck AUTGA, con hamburguesas de vaca cachena e outras elaboracións, e á tarde haberá unha chocolatada con churros.

En colaboración coa Asociación de Mulleres Cabanas Rural, arredor das 17 horas chegará o Apalpador para atoparse coas crianzas, as cales recibirán un pequeno agasallo. Ademais, con carácter previo á celebración do Mercado, Cabanas Rural ten habilitado un buzón os mércores e xoves de 16 a 19h, no que as pequenas poden deixar as súas cartas ao Apalpador.

“O Mercado de Nadal de Cabanas será unha gran oportunidade para mercar agasallos de Nadal, apostando polo mercado de proximidade, mais tamén para compartir unha xornada en familia”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica, Iago Varela, quen tamén agradeceu “a colaboración de Cabanas Rural na organización e desenvolvemento do evento”.