A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou o obradoiro “Ferramentas comunicativas que se aplican na transformación de conflitos”
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe o obradoiro “Ferramentas comunicativas que se aplican na transformación de conflitos”, no que participan 20 profesionais pertencentes a Centros de Información á Muller, servizos sociais e o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren Violencia de Xénero, entre outros.
O obxectivo deste obradoiro formativo é traballar na reconstrución das relacións familiares e sociais das mulleres expostas a situacións de violencia de xénero, sobre todo das relacións entre nais e fillos e fillas.
Segundo explicou López Abella é necesario que o dano ou a ruptura das relacións coas súas familias e amizades sexan concibidas como parte do problema da muller sometida a violencia de xénero e recoñecida como unha problemática particular, con necesidades propias que requiren intervención especializada”.
Tratase, por tanto, dunha actividade que pretende dar resposta ao impacto desa violencia nas familias e amizades próximas ás mulleres e que pretende dotar á totalidade do/as profesionais que toman contacto co conflito de ferramentas que lles permitan facilitar a re-conexión e reestruturación dos lazos afectados pola situación de violencia.
Con esta iniciativa, a Xunta amplía a formación dos/das profesionais que desenvolven o seu traballo no ámbito directo da atención a mulleres vítimas da violencia de xénero en Galicia, co obxectivo de mellorar a atención e intervención con elas, así como cos seus fillos e fillas, que tamén sofren de maneira directa este tipo de violencia.
O obradoiro desenvolverase no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI) e terá unha duración total de 24 horas presenciais, distribuídas dos días 7 ao 9 e 14 ao 16 de outubro, en horario de mañá. A iniciativa enmarcase dentro do Plan de formación en violencia de xénero para profesionais dos CIMs e cada participante recibirá ao remate un certificado acreditativo da formación recibida.
Os contidos desta acción formativa divídense en sete grandes seccións: introdución ao concepto de mediación; aproximación á estrutura e etapas dun proceso de mediación familiar; tipos de conflito e a súa xestión positiva; conflitos familiares: o lugar dos fillos e fillas; dramatización, role play e adestramento en técnicas; e intervención asistida.
Os 20 alumno/as deste obradoiro pertencen aos CIMs de Ames, O Grove, Caldas de Reis, Boqueixón, Ordes, Lalín, Negreira e a Mancomunidade de Ordes. Tamén haberá alumnado do Centro de Emerxencias de Vigo (CEMVI), o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren Violencia de Xénero, o Gabinete de Orientación Familiar da Coruña e os Servizos Sociais dos concellos de Laxe e Oleiros.