Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal reivindica o legado dun dos veciños máis ilustres: Victoriano García Martí. A cuarta edición do ciclo en homenaxe a este fillo predilecto da localidade iniciouse no 2 de decembro coa conferencia O cabaleiro da Pobra e unha reveladora novela, con Esperanza Mariño Davila, quen afondou máis na traxectoria do intelectual.
O eido literario desenvolveuse na xornada seguinte, día 3, coa presentación da edición facsimilar El emigrante (1931), posterior á ofrenda floral na praza García Martí e á ruada polo núcleo urbano. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), ratificou o compromiso da Administración local de promover e colaborar con actos que contribúan a outorgarlle a Victoriano o lugar que merece no panorama cultural.
Pola súa parte, o relator, Xesús Laíño Briones-Arén, manifestou que “recuperar a súa obra é a mellor homenaxe que se lle pode facer a un autor.” De feito, é o terceiro libro que se reedita do escritor pobrense ao abeiro deste ciclo despois de Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917) e La tragedia del caballero de Santiago (1925). O texto publicouse orixinalmente na colección La Novela de Hoy, nunha época na que a novela curta gozaba dun maior auxe e reflicte “un dos grandes problemas de Galicia dende mediados do século XIX.” As persoas asistentes recibiron como agasallo cadanseu exemplar.